Skip to main content
Lugo

Aumenta o reforzo policial para evitar a presenza de gorrillas na contorna do HULA

Por 15 Decembro, 2022Decembro 16th, 2022Sin comentarios

Nos últimos meses a Policía Local multiplicou a súa supervisión nas inmediacións do HULA para tratar de poñer cerco á práctica ilegal de aparcacoches.

“Os dispositivos incrementáronse notablemente para, por unha banda, disuadir desta conduta e achegar maior seguridade á zona, mediante o emprego de vehículos rotulados, pero tamén con outros camuflados co fin de sorprender a estas persoas cando a exercen”, sinalou a alcaldesa Lara Méndez.

Así, deste incremento dá conta o número de actas levantadas polos efectivos que se elevan a 104 no que vai de ano, as últimas 56 interpostas só nos últimos tres meses.

Dende a Xefatura, o Intendente Jesús Piñeiro informou, así mesmo, de que por parte da Policía Local “estanse a empregar todos os mecanismos posibles para rematar coa presenza de gorrillas, impoñendo sancións por incumprimentos, moitos deles reiterados, ao Regulamento Xeral de Circulación, á Ordenanza Municipal de Circulación, á Lei de Seguridade Cidadá, todas elas de carácter administrativo, por transitar ou permanecer na calzada para indicar as prazas libres, causar perigo e entorpecer o tráfico, xerando molestias ás e aos condutores, pero tamén penais por desobediencia”.

Pola súa banda, a rexedora quixo incidir no feito de que “non se trata dunha problemática que atinxa exclusivamente a Lugo, xa que afecta a practicamente todas as cidades do país, coa singularidade de que, no noso caso, se concentra especificamente nun único foco do Hospital. E tampouco podemos esquecer que, detrás das causas que empurran a estas persoas a pedir diñeiro por dar indicacións sobre onde estacionar os vehículos, atópase un compoñente eminentemente social que resta efectividade a calquera actuación municipal en tanto a maioría delas son insolventes”.

Aínda así, Lara Méndez lembrou que, tras comprobar que a moitos dos infractores esta actividade ilegal lles reportaba unhas ganancias superiores ao Salario Mínimo Interprofesional, “dende a Policía Local se trasladou un informe ao órgano autonómico competente coa finalidade de determinar se, en cada caso, procedía a suspensión ou extinción destas prestacións, ben porque serían incompatibles coa práctica que desenvolven, ben porque cos ingresos que obteñen, non cumprirían cos requisitos esixidos para o seu outorgamento, tratando de empregar todas as vías posibles para disuadir desta conduta”.

“Dende o Concello de Lugo non só actuamos conforme as atribucións que nos son propias, como son a vixilancia e a seguridade na vía pública así como a capacidade sancionadora, senón que mesmo habilitamos na zona un maior número de prazas de aparcamento, sen obviar, tampouco que o copago encuberto que propiciaba a Xunta coas tarifas tan elevadas que mantiña no parking subterráneo foi outro dos factores que contribuíu á existencia destes aparcacoches ilegais”, concluíu a alcaldesa.