Skip to main content
Lugo

A renovación da rúa Pousadela completara a conectividade do Centro Histórico coa contorna fluvial

Por 20 Decembro, 2022Sin comentarios

O Concello de Lugo levará a cabo unha nova actuación enmarcada na Estratexia Dusi – Muramiñae coa que pretende seguir avanzando na unión da trama urbana co río.

A alcaldesa indicou que se trata de renovación da rúa Pousadela que comunica a Rolda do Carme co barrio da Cheda e, á súa vez, coa Avenida dos Deportes ao seu paso baixo a estrada N – VI onde o Executivo local construíu recentemente a pasarela peonil Tanxurela para mellorar os accesos coa contorna fluvial.

“Isto nos permite completar o percorrido deseñado para mellorar a conectividade dende o Centro Histórico ata ao Miño integrándoo na actividade diaria das e dos lucenses que xa contemplan este espazo como un escenario preferente para a práctica deportiva e o seu esparexemento”, afirmou.

Méndez explicou, persoalmente, esta mañá o proxecto á veciñanza da zona coa que a alcaldesa, xunto ao persoal municipal, mantivo xa varios encontros para adaptar a intervención ás demandas que lle expuxeron.

“O principal obxectivo, referiu Lara Méndez, é dotar esta vía dos elementos necesarios que posibilitarán o seu mellor aproveitamento e utilización, incluíndo a renovación en LED dos puntos de luz e a creación doutros novos, en clave de seguridade e perspectiva de xénero”, sinalou a rexedora.

A alcaldesa clarificou que a integración deste tramo nunha unidade de actuación que está sin desenvolver condicionou o calado da obra “xa que só podemos mellorara pero non ampliala, tal e como nos gustaría”, incidiu.

En total, a superficie a renovar se concentra nos últimos 282 metros, é dicir, na metade Sur da rúa Pousadela que, actualmente, se atopa en pavimento terrizo, típico de camiños rurais.

“Procederemos, por tanto, á pavimentación deste treito que se delimitou en tres seccións, segundo os traballos previstos. Por unha banda, dende o entroncamento coa Avenida dos Deportes e ata a intersección con Río Eume se executará un novo firme de formigón para regularizar o terreo coa finalidade de que peóns e vehículos convivan de forma segura e cómoda. A maiores, no cruzamento de Pousadela con Río Masma existe outra área na que tamén se aplicará o firme de formigón para adaptala, tratando de que a superficie concorde o máximo posible en todo o ámbito. E, finalmente, o tramo de conexión da vía que une Río Eume e Río Landro e que xa está dotado con rega asfáltica será renovado debido ao deterioro que presenta ante o elevado tráfico rodado que soporta”, resumiu a rexedora.

Lara Méndez tamén fixo fincapé en que as obras incluirán a humanización dunha illa verde de escasas dimensións situada á beira da Tanxurela.

“Trátase dunha pequena área que contén unha arqueta e que, como particularidade, está afectada por unha gran pendente transversal que afea todo o enclave. Por este motivo, realizaremos unha achega vexetal e a plantación dun arbusto co que, alén de mellorar a estética do emprazamento, se evitará o paso de viandantes”, engadiu a alcaldesa.

Antes de rematar, Méndez anunciou, así mesmo, que, debido a que entre Río Eume e Río Lando se interrompe a conexión peonil, o Concello ten previsto adecuar este espazo cunha roza profunda e o perfilado dos noiros, evitando que a escorrentía poida afectar ás edificacións ao tempo que cubrirá cunha capa de canto rodado a franxa máis próxima ás vivendas para permitir a circulación de transeúntes. Tamén se contempla a creación dun pequeno treito de beirarrúa que dará servizo na zona de maior concentración residencial.

“Por último, nos doce metros anteriores á intersección entre a rúa Pousadela e a Avenida dos Deportes levarase a cabo a instalación dunha fila de separadores, que irán fixados á cimentación soterrada, cos que se pretende dotar de maior proteccióntanto a vehículos como ás persoas fronte a saídas de vía e evitar o tránsito involuntario por un predio privado que non está adaptado a tal uso. Igualmente, daremos continuidade á rede de iluminación pública renovando a xa existente con LEDs de baixo consumo e instalando 6 novos puntos de luz que, alén de redundar no aforro enerxético, reducirán a sensación de inseguridade”, concluíu Lara Méndez.

A intervención, cuxo proxecto de licitación se autorizará mañá en Xunta de Goberno, ascende a 147.042 euros e terá un prazo de execución de 6 meses.