Skip to main content
Lugo

O tráfico na Rolda do Carme estará restrinxido mañá

Por 26 Decembro, 2022Decembro 27th, 2022Sin comentarios

Durante a mañá do vindeiro martes, 27 de decembro, quedará restrinxida a circulación no tramo da Rolda do Carme en sentido ascendente cara a rúa Santiago, co fin de permitir a entrada de maquinaria pesada e a descarga de material no soar que ocupará o Coliving.

A área de Alcaldía explica que para estes traballos resulta necesaria a utilización de transporte de grandes dimensións o que obriga a ocupar o carril de circulación sinalado, co conseguinte corte do tráfico rodado, no treito da Rolda do Carme dende a zona de ocupación ata a súa intersección coa rúa Santiago “o que será sinalizado adecuadamente para preservar as mellores condicións de seguridade tanto para os vehículos e persoas usuarias da vía como para as e os traballadores”, indican.

O dispositivo comezará a partir das 10.00 horas e tentarase, na media do posible, que ao mediodía xa se poida volver restablecer a circulación en todo o ámbito. Os desprazamentos, mentres tanto, derivaranse nos cambios de sentido habilitados na vía xa sexa para acceder á Rúa Noriega Varela e á Rolda da Muralla e, así, de volta á Rúa Santiago ou, en sentido contrario, pola mesma Rolda do Carmen na procura de vías alternativas como a Avenida das Américas ou a Nacional VI.

Igualmente, quedará garantido en todo momento o tránsito peonil na zona, os accesos ás vivendas, aos garaxes e aos locais comerciais, deixando espazo suficiente co fin de que as e os peóns e usuarios se despracen con seguridade para o que se habilitará o dobre sentido da circulación dende a rúa Santiago.

Así mesmo, na zona a ocupar instalarase previamente a sinalización oportuna cun mínimo de 24 horas de antelación para indicar a necesidade de que quede liberada de vehículos.

Dende a área de Alcaldía agradecen a colaboración e comprensión cidadá polas molestias que poida ocasionar a medida que tratará de limitarse ao espacio de tempo máis curto posible.