Skip to main content
Lugo

Adega denuncia que o Concello agasalla árbores vivas como adornos do Nadal

Por 27 Decembro, 2022Sin comentarios

Dende Adega critican a desición dende o Concello de Lugo de repartir abetos entre os comercios locais. Dende Adega consideran que “agasallar árbores vivas no Nadal, sen a garantía de que sexan plantadas e non rematen no lixo unhas vez rematadas as festas, non é unha práctica sustentable en canto a pegada de carbono, nin ten que ser a área de Medio ambiente quen se faga cargo da proposta. Exiximos ao Concello transparencia e que informe da orixe e destino das árbores da campaña do ano pasado e da actual, especificando o número de árbores e os espazos naturais nos que se plantaron e se prevé plantar”. Dende a asociación ecoloxista tamén solicitan “información sobre os custos económicos derivados desta actuación en ambas campañas”.

Adega denuncia tamén que “con esta actuación o que se pretende é fomentar unha actividade económica dende a área de medio ambiente e instamos a que o Concello empregue os cartos de forma responsable, e que se destinen os orzamentos da área que xestiona Miguel Fernández, a resolver os problemas ambientais acuciantes da cidade como os que xa temos denunciado en múltiples ocasións, e que afectan directamente á calidade de vida das persoas”. Un exemplo para a asociación é “o problema das toalliñas e outros produtos de hixiene que rematan nos inodoros, que cada vez que chegan as grandes choivas, converten as marxes do río Rato nun vertedoiro, ademais estes produtos van degradando ata se converter en microplásticos que rematan na cadea trófica. A xestión dos pozos de tormenta é responsabilidade do Concello de Lugo, e polo tanto que isto siga acontecendo”.

Tamén instan ao goberno municipal a que “destine fondos para a conservación e mellora do río Miño, das súas marxes, e das especies catalogadas e en perigo de extinción presentes. Unha cidade verde non é aquela que aparenta coa axuda dunha pintura verde, corrosiva e perigosa como é a do Greenwashing aplicado polo Concello. Falan de cidade verde cando actúan en contra da conservación da biodiversidade e dos grandes espazos naturais que hai na contorna de Lugo como a construción dunha praia fluvial nunha zona con especies en perigo de extinción, a pretensión da construción dun barrio multiecolóxico co que expandir a cidade aínda máis, a construción da rolda leste coa que potenciar o uso do transporte privado e destruír o cinto verde da cidade” declaran desde Adega.

Esta proposta do Concello é para a asociación “a reafirmación dunha política medioambiental desenfocada da alcaldesa, caracterizada por unha total falta de sensibilidade ecolóxica e pola continua deturpación da etiqueta sustentable en proxectos con fins meramente económicos que implican un consumo de recursos”