Skip to main content
Lugo

O novo contrato para o mantemento das zonas verdes de Lugo será para Calfensa

Por 28 Decembro, 2022Sin comentarios

O Concello de Lugo adxudica na Xunta de Goberno o novo contrato para o mantemento das zonas verdes do municipio, “que suporá o coidado integral e minucioso dos 1’3 millóns de m² de parques e espazos axardinados da cidade baixo parámetros de sostibilidade e calidade ambiental”, sostivo a alcaldesa, Lara Méndez.

Unha licitación moi ambiciosa na que se investirá 14.846.611 euros nos vindeiros cinco anos que dura a concesión (sen posibilidade de prórroga), outorgada á empresa Calfensa.

A rexedora anunciaba hoxe o derradeiro trámite do procedemento antes de que a nova prestación entre en vigor, despois do tempo de espera que supuxo a resolución do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia.

Méndez recordou algún dos detalles da licitación, á que cualificou como “tremendamente ambiciosa”, en tanto se duplica a superficie que quedará atendida pero tamén e, por tanto, multiplica considerablemente o seu custo, “o que dá conta da aposta clara e decidida deste Goberno por mellorar a calidade de vida da veciñanza, para que atope nestas contornas un espazo coidado de ocio, descanso e socialización, ao tempo que contribuímos a incrementar a boa imaxe de Lugo entre lucenses e visitantes, poñendo en valor o noso patrimonio natural”, sostivo a rexedora.

A mandataria lucense incidiu en que o contrato atenderá á totalidade de tarefas de conservación e limpeza das zonas verdes, facendo fincapé, especialmente, no que ten que ver co seu aseo, mantemento e reposición inmediata de especies e elementos do mobiliario urbano, “co obxectivo de que o bo ornato sexa permamente e que este se acade baixo premisas sustentables e ecolóxicas, en consonancia co modelo de cidade que construímos”.

Lara Méndez destacou que para a elaboración das bases tivéronse en conta, dende o punto de vista técnico, factores como a propia climatoloxía, que resulta un condicionante á hora de acometer en prazo labores como a roza, con repercusións directas sobre o crecemento da vexetación á que tamén lle afectan outras circunstancias como o feito de que non se empreguen produtos agresivos que, se ben protexen o ecosistema, por outro lado facilitan a súa proliferación.

“Unha máxima que debe cumprirse é a conservación en perfecto estado vexetativo, botánico, fisiolóxico, ornamental, estético e paisaxístico en todos e cada un dos espazos verdes cos que contamos e non só no que atinxe ás especies arbóreas, setos, plantas ou xardineiras, senón tamén en todo o mobiliario urbano que conteña, incluídas as fontes ou os estanques e mesmo o pavimento, exercendo así unha revisión e atención integral a toda a área”, engadiu a rexedora.

Méndez refiriu, así mesmo que, por primeira vez, se establecerá un procedemento de avaliación continua para, a través de distintos parámetros, exercer unha supervisión sistemática da calidade dos traballos.“O obxectivo é garantir a dilixencia na resolución das incidencias que se comuniquen”.

Alén disto, se contempla a posta en marcha dun servizo de ronda e vixilancia para tratar de disuadir do vandalismo e se reservará unha partida anual de 100.000 euros para cubrir os danos provocados por este tipo de actos.

A alcaldesa lucense comunicou que, entre as zonas que abrangue esta licitación, se atopan tamén os espazos de nova creación que, con motivo de obras futuras, ampliacións, cesións, recepcións de urbanizacións e adquisicións de todo tipo incrementen a superficie de actuación municipal, respectando as mesmas condicións que contempla a adxudicación.

Importantes melloras para o Parque de Rosalía

Entre outras das melloras que incorpora, o novo contrato terá en conta a singularidade do Parque de Rosalía de Castro no que se renovarán ou incrementarán os seus equipamentos.

O tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, subliñou que, a maiores de todas as intervencións que se realizaron no recinto con motivo do seu centenario, o novo servizo de mantemento cubrirá tamén a demolición e substitución de todos os bordos interiores da instalación, a renovación do céspede e do sistema de rego, así como a reparación e a substitución das escaleiras dos sendeiros peonís nas Costas do Parque” .

“Melloras, que xunto ao arranxo de camiños e semente de céspede no Parque do Miño e na Avenida de Madrid, ou ao acondicionamento do arboredo das Carballeiras e a reposición do mobiliario que conteñen, rondan un orzamento próximo ao medio millón de euros”, abondou.

Do mesmo xeito, Fernández salientou que a nova adxudicación contempla a contratación de medio cento de operarios, en diferentes postos de traballo, cunha pequena variación que oscila entre os 47 empregados que deben figurar no cadro de persoal en tempada baixa – de decembro a febreiro – e os 52 que debe manter o resto do ano. Esto significa que o cadro de persoal, que é subrogable e actualmente dispón de 31 operarios, experimentará un incremento en torno a un 68%, favorecendo tamén a xeración de emprego.

Igualmente apuntou que a empresa deberá dotarse de medios materiais e mecánicos para executar o seu cometido. En total, pasarase de 166 unidades de maquinaria a 186 (un 12% máis) – a tempo parcial, completo e vehículos – como cortacéspedes, rozadoras, motoserras, sopladoras, tractores, trituradoras e camións basculantes, furgonetas, vehículos multiusos ou remolques, “garantindo a suficiencia de recursos propios e a axilidade e eficacia do servizo”.

“Estamos seguros de que esta licitación complementará á perfección ao tamén novo contrato de limpeza viaria e recollida de lixo. Dúas das prestacións municipais máis importantes e estimadas pola veciñanza, que se adecuaron ás dimensións reais da cidade e ás necesidades da poboación”, sostivo o concelleiro.

O responsable de Medio Ambiente, puxo o foco nas cláusulas medioambientais, como eixo transversal de todas as políticas do Goberno local que promove, en todos os ámbitos, o aforro de recursos.

Entre as boas prácticas que implantarán atópase a potenciación da compra verde e de produtos con ecoetiquetas e distintivos ecolóxicos, de baixa toxicidade e con poucas emanacións corrosivas, irritantes e sofocantes.

En canto á contaminación atmosférica, a maquinaria utilizada deberá garantir en todo momento a emisión reducida de gases e ruídos e todos os vehículos que se asignen ao contrato deberán ser de nova adquisición e estar propulsados por motores que garantan o mínimo de emisións, ser electricos, híbridos enchufables ou doutro sistema mellorado.

Xa no que ten que ver coa conservación e fomento da biodiversidade, o tenente de alcaldesa comunicou que o Concello solicitará a utilización preferente de vexetación autóctona para a reposición ou substitución de exemplares, “o que ademais de ter efectos beneficiosos pola súa facilidade de adaptación ao medio, contribuirá ao mantemento do patrimonio xenético e propiciará a presenza de fauna autóctona vinculada a ela. Ademais, dentro do posible, deberán elixirse sementes que requiran poucos coidados e auga e que sexan capaces de reproducirse autonomamente”, relatou Fernández que tamén apuntou que nos espazos sobre os que se realicen traballos de roza, haberá que reservar algunhas superficies para o desenvolvemento de vexetación espontánea e a conservación da diversidade florística, así como crear zonas de vexetación herbácea que proporcionen acubillo, tranquilidade e alimento a numerosas especies de aves e insectos.

Alén disto, a empresa deberá presentar un novo inventario completo e integral de todas e cada unha das zonas verdes, que se actualizará de forma continua.

A prestación inclúe, asemade, o peche e balizamento das zonas axardinadas ante a sucesión de fenómenos meteorolóxicos adversos, nos que ademais de colocar a sinalización con toda a información sobre as restricións de paso, deberá tomar as precaucións necesarias para evitar que a cidadanía corra algún tipo de perigo como consecuencia da caída de ramas ou outros elementos que compoñan estas zonas.

Ademais, establecerase un servizo de ronda e vixilancia sobre as áreas de xogo infantís, para facer fronte, sen demora, a situacións de emerxencia e solucionar os problemas que se detecten.

Xa para rematar, Miguel Fernández apuntou que, dentro do contrato foi reservada unha partida anual que se destinará a campañas de información co fin de promover a senscbilización e educación ambiental.

“Dende o goberno local pulamos pola conservación e uso adecuado dos parques. Unha tarefa que nos compete a todas e todos, o que fai necesaria a corrección de determinados comportamentos co fin de promover o cambio de hábitos, de mentalidade e de costumes entre a cidadanía. Por iso dedicaremos unha parte do investimento neste servizo a promover a participación activa da sociedade, para que non só estea suficientemente informada dos recursos que ten á súa disposición, senón tamén de cal é a forma máis axeitada de utilizalos, dos beneficios ambientais que conleva ese traballo conxunto e das obrigas e dereitos que, a ese respecto, xa regulan as propias ordenanzas municipais”, rematou o concelleiro.