Skip to main content
Lugo

O VIII concurso de fotografía ‘Estampas de Paz e Acougo’ xa ten gañadores

Por 29 Decembro, 2022Sin comentarios

Os premios do VIII concurso de fotografía Estampas de Paz e Acougo xa ten gañadores. Seno de Esperanza, de Begoña Pérez López, foi a imaxe gañadora dos 600€ do primeiro premio. O segundo premio, con 400€, foi para Roberto Mouriz Lamas, coa imaxe Evocación. Na terceira posición rematou Pureza, de Aída Martín Vázquez, que levou un premio de 200€. Cristina López agradeceu a todas as persoas que presentaron imaxes a súa participación no concurso.

A área de Participación tivo no seu ánimo achegar á cidadanía ao cemiterio e integralo na vida social e cultural da cidade, poñendo en valor non só o patrimonio histórico e artístico que alberga senón tamén a  importante carga emocional contida en cada unha das esculturas e construcións funerarias.

O concurso estivo baseado, entre outras temáticas, na simboloxía oculta que se reflicte nas construcións funerarias dos cemiterios. O xurado valorou a calidade técnica e artística das obras, dándoselle unha especial relevancia á captación da sensación de paz e harmonía coa que se impregnan os recintos dos cemiterios. O xurado estivo formado polo fotógrafo Eduardo Ochoa, Amparo Rubinos, Xefa do Servizo do Cemiterio Municipal e Chelo Rodríguez, do Servizo do Cultura do Concello de Lugo.