Skip to main content
Lugo

A estación intermodal un paso máis cerca tras a autorización da Xunta

Por 30 Decembro, 2022Sin comentarios

O convenio de colaboración entre o Goberno galego, o Concello de Lugo e Adif para desenvolver a nova área de transporte intermodal da cidade conta xa con autorización. En conxunto, o proxecto supoñerá un investimento global de máis de 49,2 millóns de euros. “Esperamos que as infraestruturas veñan acompañadas dunha modernización nas conexións ferroviarias con Lugo. Non tería sentido construír unha área intermodal e manter os servizos de tren no estado actual”, explicou.

A firma deste acordo entre as tres administracións está prevista para os primeiros meses de 2023, despois de ser autorizada polo Consello da Xunta na súa reunión deste xoves. Así, tras a posta en servizo das intermodais de Ourense, Santiago e Vigo, xa ultimada a de Pontevedra e os avances na intermodal da Coruña, Rueda cualificou a decisión como “un paso máis para que todos lucenses” poidan gozar tamén dunha estación intermodal.

O Goberno galego tamén acordou iniciar a tramitación urbanística da nova estación de autobuses e do aparcamento da intermodal que tamén executará a Xunta, e que supoñerá un investimento autonómico de 13,6 M€.

O presidente da Xunta resaltou que o Goberno galego vai encargar da “construción e financiamento íntegra da nova estación de autobuses”, para o que xa conta co proxecto redactado e que contará cun investimento de 9 M€.

A terminal terá unha superficie de 550 m2 e distribuirase en dous pisos. Na cota de dársenas dispoñerase un interior con espazos diáfanos no cal se atopen as zonas de atención a viaxeiros ou a cafetería e o piso superior destinarase a usos administrativos e instalacións da xerencia da terminal.

O proxecto inclúe 23 dársenas que se dispoñerán ordenadas longitudinalmente ao longo dunha plataforma que permite optimizar os percorridos dos viaxeiros que accederán desde a terminal.

A intervención prevé a diferenciación funcional de 18 dársenas, en espiña de peixe, e 5 dársenas de regulación para facilitar a xestión por parte das empresas durante os períodos de servizo dos vehículos.

No que se refire aos accesos, os autobuses dirixiranse ao interior da estación desde a glorieta que ordena a confluencia de tráfico procedente das rúas Paradai de Arriba, Paradai de Abaixo, avenida Infanta Elena e rúa do Conde e que dan acceso á parcela desde un dos extremos para permitir unha circulación no sentido das agullas do reloxo.

O acceso dos viaxeiros prodúcese na planta baixa desde o espazo público de articulación do paso de cidade coa terminal de ferrocarril, tanto cara ao norte como o sur.

Nunha área intermodal é clave a conexión entre os diferentes modos de transporte, polo que neste caso resólvese mediante un espazo público entre as terminais de ferrocarril e autobuses que, ao mesmo tempo, xera unha nova conexión por baixo das vías entre a cidade e a contorna inmediata que queda ao norte das vías.

Este proxecto será cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, a través do programa operativo Feder Galicia 2021-2027 e que se prevé asinar nos primeiros meses de 2023.

No marco do proxecto da estación intermodal de Lugo habilitarase un aparcamento subterráneo, cuxo proxecto debe redactar Adif, aínda que as obras serán executadas pola Xunta, conxuntamente coa estación de autobuses. Este aparcamento subterráneo supoñerá un investimento de case 12,5 M€, que será financiado entre Adif e o Goberno galego, que asume o 37,5 % do custo, ademais da execución dos traballos.

A intermodal inclúe, ademais, a nova estación ferroviaria, cuxa redacción do proxecto e execución correspóndelle a Adif. Esta intervención inclúe un novo edificio e un paso inferior, que financiará integramente o organismo estatal, cun investimento de 16,1 M€.

A área intermodal tamén comportará a construción dun novo paso inferior peonil de cidade entre o centro urbano e o parque do Sacro Corazón, que conectará ambos os lados da canle ferroviaria, incluídos os seus accesos, elementos de comunicación vertical e urbanización asociada. O orzamento destas intervencións ascende a 11,6 M€ e será financiado nun 60 % por parte de Adif e nun 40 % polo Concello.

A Xunta remarca a necesidade de que a construción da estación intermodal vaia parella á modernización dos servizos ferroviarios e ao cumprimento dos tempos de viaxe comprometidos, que son de 3 horas e 47 minutos.