Skip to main content
Monterroso

O BNG de Monterroso pide renovacións no patio do CEIP

Por 5 Decembro, 2022Sin comentarios

Dende o Bloque Nacionalista Galego impulsarán no Parlamento galego a proposta de renovación da cuberta do patio e pistas deportivas do CEIP Monterroso. Esta medida inclúese dentro das emendas do BNG aos orzamentos da Xunta de Galiza para o exercicio do 2023.

Segundo informan “na actualidade esta infraestrutura atópase moi deteriorada en parte pola falta de mantemento, o que esta está a dificultar a actividade docente. Esta mellora facilitaría de xeito moi importante a actividade educativa e contribuiría, ao mesmo tempo, a aumentar o benestar das alumnas e alumnos no centro escolar” declarou Brais Vázquez, membro do BNG en Monterroso.

Brais Vázquez destacou que esta medida é unha demanda da comunidade escolar “as nais e pais levan moito tempo expoñendo a necesidade dunhas instalacións seguras para as nenas e nenos, mais desde o goberno municipal tampouco se esixiu á Xunta de Galiza a súa reparación nin ningunha medida para mellorar esta infraestrutura”

Do mesmo xeito, Brais Vázquez subliñou “o BNG impulsará esta proposta a través das emendas aos orzamentos, no que esperamos que o Partido Popular non vote en contra dunha mellora básica para a comunidade escolar de Monterroso”