Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAComarca LUGOXAComarca RIBEIRASACRAXAComarca SARRIAXAComarca TERRACHÁXA

As denuncias por violencia machista aumentan en Galicia un 14 %

Por 31 Decembro, 2022Xaneiro 1st, 2023Sin comentarios

Solicitáronse ante os xulgados de violencia sobre a muller 492 ordes de protección, das que se concederon o 61,8 %. A taxa de violencia de xénero situouse en Galicia en 13,3, a terceira máis baixa do Estado.

Os xulgados galegos recibiron o terceiro trimestre deste ano 1.854 denuncias por violencia de xénero, un 14,4 % máis que no mesmo período de 2021, cando se presentaron 1.620. A gran maioría (1.440) chegaron aos xulgados a través de atestados policiais con denuncia da vítima. Aumentou tamén o número de mulleres que aparecen como vítimas, pois nese período contabilizáronse 1.854, fronte ás 1.597 de 2021, o que supón unha subida do 16,1 %. A taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) en Galicia situouse en 13,3, a terceira máis baixa do Estado -cuxa media foi de 19,8-, por detrás de Asturias (12,5) e Castela e León (13).

Os distintos órganos xudiciais (xulgados de violencia sobre a muller, xulgados do penal e audiencias provinciais) ditaron no segundo trimestre en procesos de violencia de xénero 471 sentenzas, das cales 371, é dicir, o 78,7 %, foron condenatorias.

Segundo os datos estatísticos feitos públicos hoxe polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), en Galicia descenderon un 38,9 % os casos de vítimas que se acolleron á dispensa para non declarar. No terceiro trimestre de 2022 optaron por esta opción 80 mulleres, fronte ás 131 que o fixeron no mesmo período de 2021.

Ademais, durante eses tres meses solicitáronse ante os xulgados de violencia sobre a muller 492 ordes e medidas de protección da vítima, un 12,6 % máis que nas mesmas datas de 2021, cando se demandaron 437. Delas, foron acordadas 304 (o 61,8 %). Nos xulgados de garda sen competencia en violencia sobre a muller solicitáronse 99 ordes de protección, das que se acordaron 66.

No terceiro trimestre deste ano os xulgados de menores axuizaron a catro persoas por delitos relacionados con violencia sobre a muller. Todos os casos finalizaron con imposición de medidas.

Os datos relativos ás medidas civís ditadas polos xulgados de violencia sobre a muller para protexer aos fillos das vítimas, que reflicten as modificacións legais introducidas na Lei Orgánica de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia, reflicten que entre xullo e setembro os órganos xudiciais galegos adoptaron 37 medidas consistentes na suspensión do réxime de visitas, un 85 % máis que o ano anterior, cando se adoptaron 20.

En total, no terceiro trimestre deste ano rexistráronse 22 menores vítimas que estaban a cargo de vítimas cando estas foron obxecto de violencia de xénero, fronte aos 16 do mesmo período de 2021, é dicir, un 37,5 % máis.