Skip to main content
Folgoso do Courel

A alcaldesa do Courel pide que se axilice a construción da residencia de maiores da localidade

Por 7 Decembro, 2022Sin comentarios

A alcaldesa do Concello de Folgoso do Courel, Lola Castro, manifesta a súa “decepción” pola lentitude que a Deputación de Lugo está a amosar na construción da residencia de maiores da localidade.

Lola Castro, mantivo unha xuntanza de traballo na Deputación de Lugo co responsable de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, para coñecer os plans que o organismo provincial ten en relación coa residencia para persoas maiores que se vai construír na localidade, e que debería ter rematado no ano 2019.

Tralo encontro, solicitado pola rexedora de Folgoso do Courel, Lola Castro manifesta a súa “decepción pola lentitude que Deputación de Lugo está a amosar na construción da residencia de maiores da localidade. Recordeille ó deputado que o Concello fixo o traballo que lle correspondía, mentres que a Deputación leva moito tempo xa sen dar un só paso para que a construción da residencia sexa unha realidade”.

“Tampouco dende a Deputación de Lugo foron capaces de fixar unha data para o inicio das obras nin para a entrada en funcionamento deste servizo”, afirma a rexedora.

O Concello fixo o seu traballo

Lola Castro recorda que “o Goberno local levou a cabo a cesión dos terreos onde se vai levantar a residencia xa no ano 2019. En xaneiro deste mesmo ano aprobou a licenza para a construción da residencia e aprobou unha addenda ao convenio inicial, a segunda, sen que a Deputación de Lugo dera ningún paso nesa dirección desde o ano 2018”.

Á vista destes datos e da “falta de feitos” por parte do Goberno Provincial, a rexedora cre que “os veciños e veciñas do Courel non merecen este trato”.

A alcaldesa lamenta a “falta de compromiso da Deputación de Lugo cos veciños e veciñas do Concello de Folgoso do Courel e cunha infraestrutura e uns servizos que cada vez son máis necesarios e demandados”.

A infraestrutura

A nova construción ocupará unha superficie de 780 metros cadrados no antigo colexio de Folgoso. O investimento previsto inicialmente para este proxecto ascenderá a 1,4 millóns de euros, dos que a Deputación achega 1,2 millóns e o Concello os 200.000 euros restantes.