Skip to main content
Monforte

Monforte contará cunha nova depuradora no Polígono Industrial

Por 24 Decembro, 2022Febreiro 7th, 2023Sin comentarios

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servicios, José Luis Losada, deu a coñecer o convenio que asinará coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para a construción da nova depuradora do Polígono Industrial do Reboredo.

Tomé sinalou que “vai supoñer un antes e un despois para o futuro crecemento desta zona industrial de Monforte”. E subliñou que “se trata dunha inversión que permitirá que o Polígono medre industrialmente e, como consecuencia, que haxa tamén un crecemento da actividade económica e de creación de postos de traballo, por tratarse dun servizo básico para que o Polígono funcione con normalidade”.

Custe e reparto da inversión A Confederación Hidrográfica Miño-Sil aportará un 85% da inversión, case 4 millóns de euros. Mentres que a  aportación municipal ascenderá a un total 807.975 euros.

Características da nova depuradora

“A nova depuradora”, explicou o Alcalde “terá capacidade para depurar o actual polígono completo e tamén ás ampliacións que temos en marcha, incluso se duplicáramos o polígono que hai neste momento”.

Vaise construír con dúas características moi importantes e previsoras para o futuro: vai poder funcionar por módulos para que a calidade da depuración sexa a correcta, establecida nos parámetros que marca a lei e vai ter posibilidade de ampliación, xa que estará dispoñible a parcela que ocupa a actual depuradora que son colindantes.

“Con esta obra tamén se vai mellorar moito o medio ambiente, xa que as augas depuradas vanse entubar dende a saída da depuradora do polígono, ata a depuradora de Piñeira, sen ningún vertido, o que significa que o regato do Carballo volverá a ter vida, recuperando o seu estado orixinal”, salientou José Tomé.

Unha vez rematadas as obras, serán recibidas polo Concello que se encargará do seu mantemento no futuro.

O alcalde rematou salientando que “con inversións deste tipo, o Polígono de O Reboredo, ten por diante un futuro esperanzador, que xa é unha realidade despois de moitos anos de parálise, agora está en plena fase de crecemento e expansión”.

José Tomé tamén avanzou que “no primeiro semestre espero poder asinar outras inversións en saneamento de moito máis calado, se as conversas e os estudios que está facendo o Ministerio de Transición Ecolóxica finalizan como todos esperamos”.