Skip to main content
Monforte

Inaugúranse as obras de mellora da Lagoa de Covas en Monforte

Por 27 Decembro, 2022Sin comentarios

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou as obras que se levaron a cabo para o acondicionamento e mellora da Lagoa do Parque de Covas, que supoñen, unha vez finalizadas, ”un antes e un despois para a zona da Lagoa de Covas na Pinguela, que estaba completamente degradada, e que agora ponse en valor”, salientou o alcalde.

Acompañado polo presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, a Tenente de alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, Tomé agradeceu o investimento levado a cabo pola Confederación Hidrográfica que foi de 612.000 euros de execución de obra.

Así, dixo: “O que lle quero agradecer expresamente ao seu presidente, pois este esforzo que fixo en Monforte o organismo de conca cambiou totalmente a faz que tiña esta lagoa e esta zona”.

Pola súa banda, o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil salientou que “con esta actuación, que se engade a outras acometidas polo Concello e pola Deputación de Lugo, consolidamos unha zona marxinada e poñémola dentro da dinámica urbana, á vez que levamos a cabo a mellora da conectividade do río e sen dúbida unha acción medioambiental de enorme importancia. En definitiva, é unha mellora que non so beneficia ós veciños de Monforte senón tamén de toda a comarca”.

Con esta mellora, completarase unha ampla zona de recreo de preto de 3 hectáreas (30.000 metros cadrados ) e ademais do acondicionamento da lagoa da Pinguela, tamén se levou a cabo a construción dun paseo que conforma un circuíto ó seu arredor e a instalación dunha nova presa desmontable. “Esta necesidade xurdiu en 2016”, explicou o Alcalde, “cando unha riada levou por diante a presa que había”.

Actuacións de mellora na área da Pinguela

Fixéronse varias actuacións na área da Pinguela, como o acondicionamento ambiental do entorno da Lagoa do Parque de Covas e do cauce do río Cabe mediante un desbroce selectivo co que se eliminou as especies invasivas, foráneas ou alóctonas, e procedeuse a plantar especies propias da ribeira do río.

Tamén se levou a cabo un plan para a estabilización do cauce do río Cabe, que consistiu nunha solución de bioinxeniería mediante unha empalizada de troncos, a cal garante a estabilización do talud á vez que protexe aquelas marxes do río que son máis susceptibles de ser erosionadas en épocas de avenidas ou de fortes choivas.

Tamén se acondicionou o sendeiro peonil arredor da lagoa, xa que existía un pequeno sendeiro que era intransitable, o cal foi acondicionado e mellorouse o seu firme colocando chantos de pizarra no terreo existente, de forma que o sendeiro queda delimitado sen chegar a influír no ambiente da lagoa.

Engadiuse, ademais, unha pasarela sobre o canal da lagoa debido a que na parte final do actual sendeiro non se podía transitar e desta forma conseguiuse que a senda que se mellorou puidese trazar un percorrido circular arredor da lagoa, conectando cos viais que había xa na zona que se axardinou.

Un novo AZUD

En cumprimento da normativa europea, os cauces dos ríos teñen que ter garantida a conexión lonxitudinal do seu cauce, e polo tanto, demoléronse completamente os restos da presa que quedaba no cauce do río, provocada pola erosión que produciron as choivas do ano 2016.

Así, acondicionouse ese cauce cun muro de protección contra a erosión, para poder controlar os efectos que puidera ter o río Cabe neste brazo do río, que tan solo transportaría auga no caso de riadas ou aumentos de caudal.

Para substituír a vella presa, construíuse un AZUD desmontable que permite dar esa continuidade lonxitudinal ó cauce natural do río Cabe e, ó mesmo tempo,
mellora a recarga subterránea da auga da lagoa, creando unha lámina de auga semellante á que consigue crear a presa do Parque dos Condes.

En época de estiaxe, a lagoa é máis sensible ás variacións que poida haber no rio Cabe, xa que, debido ós caudais é mais difícil a recarga superficial da mesma a través do canal de entrada na lagoa.

En previsión de fortes tormentas ou de fortes choivas, habería que desmontar o AZUD para facilitar o paso da auga e evitar danos na medida do posible.

Por outra banda, retiráronse depósitos de materia orgánica do cauce do río Cabe e tamén se levou a cabo a retirada dos mesmos do canal de entrada á lagoa, xa que no momento de execución destas obras encontrábase cheo de sedimentos e vexetación.

Tamén se incluíu a construción dunha escala de peixes de madeira tratada en autoclave para garantir a permeabilidade lonxitudinal da fauna piscícola ó longo do río e que o AZUD non supoña un obstáculo para a diversidade da zona.