Skip to main content
A Pobra do Brollón

A Pobra do Brollón dá a benvida a unha nova edición do Concurso de Tapas da Guimaralia

Por 2 Decembro, 2022Decembro 3rd, 2022Sin comentarios

Hoxe venres comeza na Pobra do Brollón a edición XIII do Concurso de Tapas da Guimaralia. Ata o día 9 poderanse probar nos establecementos do municipio as propostas dos oito bares participantes.

O Concurso de Tapas da Guimaralia contará este ano con catro locais na propia Pobra do Brollón ( O Avenida, A Vella Taberna, O Primeiro de Maio e O Pirata), dous en Salcedo (A Salanova e A Cantina de Julia) O Fogón en Cereixa e o bar E Logo! na Estación.

Como novidade deste ano, as tapas deben levar polo menos un ingrediente dalgún produtor local do municipio da Pobra do Brollón, ingrediente que debe ir no nome do pincho.

As propostas foron catadas previamente por dous cociñeiros profesionais co afán de asesorar e perfilar a tapa final. Esta cata previa foi unha innovación da edición do ano pasado e que agora se repite xa que axuda a manter uns estándares e a garantir o cumprimento das condicións do concurso.

Os catadores (os cociñeiros Diego Martínez e Tamara Rodríguez) xa deron o visto bo ás tapas deste ano e consideran que “vai estar moi difícil elixir gañador nesta edición pola gran calidade de tódalas propostas”.

A elección do primeiro, segundo e terceiro premio será, coma sempre, por votación popular. Cada votante debe elixir a súa tapa favorita nunha tarxeta de voto debidamente selada por todos os bares participantes. Os participantes entrarán nun sorteo dunha noite con circuíto termal no Hotel Iberik Augas Santas de Ferreira de Pantón.

As tapas do concurso teñen un prezo único de 1,50 euros. Pódense probar dende hoxe día 2 e ata o 9 de decembro en horario de 12.00 a 14.00 e de 19.00 a 22.00 horas.