Skip to main content
A Pobra do Brollón

Hoxe preséntase na Pobra do Brollón o libro A Nación dos Mil Viños

Por 7 Decembro, 2022Decembro 13th, 2022Sin comentarios

O concello da Pobra do Brollón, acollerá hoxe ás 20.15 horas na Casa da Cultura Olga Novo, a presentación do libro A Nación dos Mil Viños que reivindica a riqueza vitivinícola galega.

Durante a presentación ofrecerase un viño de cortesía e ó remate, haberá unha degustación de distintos viños galegos. Esta segunda actividade terá un prezo de 10 euros por persoa.

Os autores de A Nación dos Mil Viños son Xosé Santos Gontá, Toño Núñez Amigo-ribadulla e Martiño Santos Canosa.

A Nación dos mil viños é unha guía galega para adentrarse no mundo do viño, busca ser unha iniciación combinada á cultura do viño en xeral, á súa proba sensorial e ó panorama concreto dos viños galegos.

Nel atópanse os elementos máis destacados que inflúen no resultado final do viño e que integran o proceso de creación cada ano dende a viña á copa: os solos, o clima, as variedades de uva, a viticultura e a enoloxía. Tamén as chaves elementais para o seu goce e análise sensorial, é un repaso descritivo pola xeografía vitivinícola galega actual.

Estes contidos van acompañados de elementos históricos e culturais que contextualizan o significado e importancia do viño. Non pode faltar tampouco o protagonismo das persoas produtoras e as marcas comerciais que chegan a nós como resultado final do seu traballo.