Skip to main content
A Pobra do Brollón

Un mural dedicado á música tradicional adorna A Pobra do Brollón

Por 14 Decembro, 2022Decembro 16th, 2022Sin comentarios

Ribeira Sacra Consorcio de Turismo promoveu a iniciativa de crear un mural coa temática da música tradicional para poñer un pouco de arte nas rúas da Pobra do Brollón.

Este tríptico, situado no paseo de Samugueiros á beira do río Saa, pon o foco na música tradicional pola súa presenza na Pobra do Brollón.

Preto del atópase a escola de música Samugueiros e o festival As Cores do Outono celébrase a escasos metros do mural, na área recreativa onde desemboca o paseo.

Esta acción, enmarcada no ‘Pacto Pola Paisaxe Ribeira Sacra’ foi posible grazas a Vicente do Buxán por ceder a parede e ao artista Mon Devane, quen se encargou de levar a cabo esta obra.

Outros traballos de Mon Devane

Mon Devane é un artista urbano nado en Ourense que utiliza o spray como principal ferramenta en todo o seu traballo artístico desde o ano 2003.

Actualmente, a súa pintura céntrase na realización de retratos a través dun estilo fotorrealista e monocromático.

Traballa sobre grandes formatos, onde se magnifica cada detalle, buscando transmitir miradas que conten cousas, vidas, tradicións e historias.

En marzo de 2021 inaugurou a exposición “As Estrelas do Camiño” comisariada pola cervexeira Estrella Galicia, unha enorme galería artística, con máis de 140 km de percorrido ao longo do Camiño Francés que cobre as sete etapas que van desde O Cebreiro ata Santiago de Compostela.