Skip to main content
Quiroga

Quiroga continúa traballando na eliminación da violencia de xénero

Por 1 Decembro, 2022Sin comentarios

O concello de Quiroga segue traballando na erradicación da violencia de xénero malia a baixa porcentaxe de denuncias presentadas no municipio.

A Mesa Local Contra a Violencia de Xénero reuniuse na casa consistorial para facer unha valoración da situación da comarca neste ámbito. Esta Mesa Local estivo integrada por representantes dos tres concellos da comarca de Quiroga, membros de dous centros educativos, persoal da garda civil e policía local, integrantes dos servizos sociais municipais e tamén do centro de información á muller.

O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, desexoulles ós participantes “unha frutífera xornada de traballo que serva para erradicar este tipo de violencia, lembrando o acontecido esta semana en Lugo que acabou coa morte dunha muller”.

Durante a mesa de traballo estudouse e actualizáronse os recursos existentes na nosa comarca contra a violencia de xénero, os asistentes aportaron a súa iniciativa e estreitaron a cooperación e a colaboración entre todos.

Analizáronse os casos de denuncia que se mantiveron estables nos dous últimos anos. En 2021 houbo un total de 3 denuncias por violencia de xénero, a mesma cifra que se rexistrara no ano 2020. No que levamos de 2022, ata o 31 de marzo (últimos datos públicos), había unha denuncia por este motivo.

“Entre as funcións da Mesa contra a Violencia de Xénero está a de analizar a situación e os datos da nosa comarca, avaliando a efectividade das intervencións realizadas e a coordinación entre tódolos axentes implicados”, afirma o rexedor. Aínda que na xuntanza quedou patente a gran coordinación entre todos eles, seguirase realizando un traballo aínda máis conxunto, que teña como nexo de unión o Centro de Información á Muller do Concello de Quiroga.

Nesta mesa técnica, que se creou no ano 2015 e que se reúne cunha periodicidade anual, tamén se analizaron os recursos que existen no municipio e na comunidade autónoma para poder loitar contra a violencia de xénero. As novidades lexislativas, coa Lei orgánica 10/2022 do 6 de setembro, de garantía integral da liberdade sexual, foi outro dos temas posto enriba da mesa da xuntanza.