Skip to main content
Quiroga

Os nenos e nenas de Quiroga xa poden participar no Certame de poesía infantil de Nadal 2022

Por 1 Decembro, 2022Sin comentarios

A biblioteca pública municipal de Quiroga convoca de xeito local o certame de poesía infantil Nadal 2022 no que poderán participar nenos e nenas de ata 16 anos.

Os cativos de Quiroga que desexen participar neste Certame de poesía infantil de Nadal poden participar realizando a entrega dos seus traballos ata o vindeiro mércores 14 de decembro.

No proxecto establécense un total de tres categorías: a primeira delas acollerá os traballos de nenos e nenas que teñan ata 8 anos, haberá outra para os participantes de 9 a 11 e unha última para os que teñan de 12 a 16 anos.

Cada autor poderá presentar cantos traballos desexe pero dentro das pautas a seguir, estes poemas deberán estar redactados en galego, ter unha extensión máxima dun folio por unha soa cara e poderán presentarse mecanografados, escritos a computador ou a man (neste último caso sempre a bolígrafo). Con cada traballo, é necesario aportar tamén unha folla co nome e demais datos do autor/a.

O prazo de presentación dos poemas rematará o 14 de decembro, debendo ser entregados polos seus autores/as na Biblioteca Pública Municipal de Quiroga.

Un xurado, formado por entendidos na materia, seleccionará por cada modalidade e categoría un máximo de tres traballos e os autores/as seleccionados recibirán como recoñecemento un diploma e varios libros.

Os traballos premiados nesta fase local, participarán na fase provincial do Certame convocada pola Biblioteca Pública de Lugo, que conta co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.

O fallo do xurado farase público na primeira quincena de xaneiro do 2022. Con respecto ós traballos premiados, pasarán a ser propiedade da Biblioteca Pública de Lugo que se reserva o dereito de publicación dos mesmos.