Skip to main content
Quiroga

Máis de 50 alcaldes de barrio de Quiroga reuníronse con Julio Álvarez para celebrar a súa xuntanza anual

Por 29 Decembro, 2022Decembro 30th, 2022Sin comentarios

O goberno local de Quiroga organizou a xuntanza anual dos alcaldes de barrio de Quiroga nunha comida na que participaron máis de medio cento de alcaldes xunto co equipo de goberno.

Trátase dunha xuntanza anual que, ademais de celebración destas festas, serve de reunión de traballo posto que cada pedáneo traslada as suxerencias ou necesidades máis inmediatas que ten o núcleo ao que representa.

O alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, aproveitou a ocasión para agradecerlles a todos eles o traballo que realizan e o formar parte do seu equipo durante estes 36 anos que leva ao fronte do goberno quirogués.

O rexedor local quixo recalcar que todos eles forman parte de Quiroga e do seu goberno: “Quiroga non é só unha parte da rúa Real, dende o Bar As Palmeras ata o Bar Zorro, Quiroga son todos e cada un dos 121 pobos, algún deles situado a máis de 20 km da vila”.

Esta será a última comida con alcaldes de barrio que presida Julio Álvarez, posto que non se presenta ás eleccións municipais, polo que quixo pedir desculpas se nalgún momento non se puido cumprir ou atender o 100% das peticións dos pedáneos. Pero comprometeuse a tentar cumprir as deste ano igual que se tentou nos anos anteriores.

Por iso expresou tamén o seu desexo de que o novo equipo que colla as rendas do municipio continúe na liña de “coidar e atender a Quiroga, unha Quiroga que está formada por todos os seus pobos”.

O rexedor rematou dando as grazas a todos os asistentes por colaborar cun equipo que tivo “a honra de presidir durante 36 anos e que sempre defendeu a Quiroga, que é o máis importante”.