Skip to main content
Ribas de Sil

O Centro de Atención a Maiores de Ribas de Sil está a punto para recibir residentes

Por 30 Decembro, 2022Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, visitou o Centro de Atención a Maiores (CAM) de Ribas de Sil no marco dunha xornada de portas abertas organizada pola institución en colaboración co Concello durante a que as persoas que solicitaron praza e outras interesadas tomaron contacto coas instalacións e co persoal do centro.

“Cumprimos co compromiso que tiñamos adquirido co alcalde, co Concello e cos veciños e veciñas de Ribas de Sil de ter a punto esta residencia antes de acabar este ano 2022 para que poidan entrar a vivir nas vindeiras semanas os primeiros usuarios e usuarias”, subliñou o mandatario provincial.

Tamén lle desexou ao alcalde do muncipio, Miguel Ángel Sotuele, unha pronta recuperación e avanzou que “volveremos nuns meses para que el poida participar na inauguración da residencia, pola que traballou e loitou tanto”.

Na visita, na que participaron numerosos veciños, o presidente estivo acompañado polos deputados de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, e de Medio Ambiente, José Luis Raposo, así como do primeiro tenente de Alcalde de Ribas de Sil, Roberto Castro, e de concelleiros e concelleiras da Corporación municipal e alcaldes da zona.

Co CAM de Ribas de Sil, o noveno da rede provincial, a Deputación ofrece 29 prazas asistenciais e crea 25 postos de traballo directos, ademais dun retorno en termos económicos e de emprego para o municipio e a comarca da Ribeira Sacra.

Neste sentido, o Presidente explicou que o centro de maiores “será un activo moi importante para o concello, tanto a nivel social, como económico”, porque, como todas as residencias da Deputación, funcionará baixo “un modelo 100% público, centrado nas persoas, non na rendibilidade económica; que favorece o arraigo porque teñen prioridade no acceso ás prazas os propios veciños de Ribas de Sil, logo os da comarca e os do resto da provincia; e que dinamizará a economía porque se crean 25 postos de traballo directos, e todos os produtos e servizos que sexa posible compraranse na zona”.