Skip to main content
O Saviñao

Instalada unha cuberta no CPI Dr. López Suárez de Escairón do Saviñao

Por 20 Decembro, 2022Decembro 21st, 2022Sin comentarios

O CPI Dr. López Suárez de Escairón do Saviñao xa conta cunha cuberta a zona de acceso ao pavillón despois de que a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades dotara dun investimento de ao redor dos 13.700 euros para levar a cabo esta obra.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou o resultado das obras, que consistiron na execución dunha estrutura con teito de chapa na rampla que leva ás escaleiras de entrada ao recinto deportivo. O obxectivo era acadar un espazo máis confortable que ofreza resgardo aos usuarios nos días de chuvia ou moito sol.

Arias apuntou que a actuación foi financiada con cargo ao plan de reforma, ampliación e mellora (RAM) de centros educativos para 2022, que incluíu nove obras menores na Zona Sur da provincia de Lugo cun investimento total de 156.800 euros.

Accións futuras

Outras intervencións programadas nesta anualidade foron as reformas nos baños do IES  A Pinguela e o acondicionamento dunha aula no CEIP A Gándara (ambos en Monforte de Lemos); obras de mellora da eficiencia enerxética no CEIP de Quiroga; renovación dos canlóns no IES Lama das Quendas de Chantada ou traballos de electricidade no CEIP Xosé Lois Taboada (Carballedo), entre outras.

Así mesmo, Arias lembrou que nesta área da provincia a Xunta ten en diferentes fases de execución proxectos de grande envergadura para mellorar seis centros educativos por valor de 2,9 millóns de euros con cargo ao Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia.