Skip to main content
O Saviñao

A Xunta comprométese co Saviñao a mellorar o sector agrogandeiro

Por 29 Decembro, 2022Decembro 30th, 2022Sin comentarios

O alcalde do Saviñao trasladou as demandas e necesidades dos veciños do municipio en canto ao sector agrogandeiro á Xunta.

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, visitaron O Saviñao e foron recibidos polo Goberno local, co que abordaron a posibilidade de implementar un polígono agroforestal para gandaría nos arredores da aldea de Xesto.

Neste senso, o conselleiro acordou enviar técnicos da Axencia para estudar a viabilidade deste polígono e poder comezar cos traballos o antes posible.

Nesa liña, lembrou que o seu departamento destina para o ano 2023 un total de 5,9 millóns de euros para o desenvolvemento de instrumentos de recuperación da terra agraria, un 11% máis ca en 2022, e deses, uns 4,4 millóns serán para actuacións en polígonos agroforestais e aldeas modelo.

Noutra orde de cousas, tamén se tratou a necesidade de arranxar diversos viarios. Así, avanzouse que no Plan de Infraestruturas Rurais de 2023 consignarase unha axuda para arranxar a estrada do cruce de Tribás a Ousende, cunha dotación de 120.000 euros.

Así mesmo, ambos dirixentes trataron a posibilidade de apoiar os montes veciñais da localidade e a de reforzar a colaboración para a loita contra os incendios.

Por último, tendo en conta a dispersión dos núcleos de poboación deste concello, o conselleiro acordou garantir a presenza da Oficina Agraria Móbil para mellorar as prestacións de servizos no municipio.