Skip to main content
Sober

A frautista Sofía Salazar e o pianista Luis Arias ofrecen mañá sábado un concerto en Sober

Por 9 Decembro, 2022Decembro 13th, 2022Sin comentarios

O espectáculo das Xuventudes Musicais protagonizado por Sofía Salazar e Luis Arias, será ás 19.00 horas no Centro Sociocultural do concello de Sober.

A frautista Sofía Salazar e o pianista Luis Arias ofrecen mañá sábado un concerto en Sober de entrada libre, organizado polas Xuventudes Musicais da localidade e o Concello de Sober.

Neste recital o público desfrutará dunha selección do repertorio para frauta máis representativo da Belle Époque, dos compositores franceses que mostraron as cores e versatilidade da frauta en combinación co piano.

O programa inclúe as actuacións de Gabriel Fauré (Morceau de Concours), Benjamín Godard (Suite de trois morceaux Op. 116), George Enescu (Cantabile et Presto), Charles-Marie Widor (Suite para Frauta e Piano Op. 34), Claude Debussy (Beau Soir) e George Bizet/Borne (Fantasía Brillante sobre os temas de Carmen).

Belle Époque

A Belle Époque foi o nome que se lle deu ó período de paréntese nos conflitos bélicos en Europa entre finais do século XIX e principios do XX. Esta pausa contribuíu ó auxe económico, e á creación de espazos onde divertirse: abríronse multitude de salas de concerto e café-concerto, mentres os ingleses exportaron o que coñecemos por salas de música; ambos conceptos deron cabida a un novo tipo de artista.

Este movemento condensouse nun escenario ideal: a cidade de París, que neste momento converteuse na capital europea do espectáculo, ademais de ser a capital da arte, do impresionismo, da moda… e da frauta moderna.