Skip to main content
Cultura SARRIAXADeportes SARRIAXASarria

Entrevista: “Animamos a todos a probar as clases de karate e defensa persoal”

Por 24 Decembro, 2022Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

Coñece o club de Sarria Deperpol, onde Alberto Rincón Bueno imparte clases de defensa persoal e karate dos estilos Shito Ryu e Bujutsu Sosei. Falamos tamén con Nazaret López Pérez e Antonio Ramiro Martínez Núñez, dous dos seus alumnos.

Alberto, en que ano naceu o club Deperpol e con cantos adeptos conta na actualidade? Fáganos un pequeno percorrido pola historia do club

O Club Deperpol naceu no 2008 como un club de defensa persoal policial. Logo fóronse impartindo cursos de defensa persoal feminina e co tempo introducíronse as clases de Karate. Na actualidade contamos cuns 60 adeptos da comarca de Sarria e con xente de Lugo.

Os nosos alumnos son xente de tódalas idades, o máis cativo ten 4 anos e o maior 60. Nas artes marciais a idade non é importante, xa que a disciplina e o esforzo de cada persoa é o que importa. Nas clases, cada un fai o que pode e como mellor pode, sempre seguindo as ensinanzas do mestre.

Que disciplinas ensinan?

Na actualidade, o club ensina Karate do estilo Shito Ryu e Defensa Persoal. O importante destas ensinanzas é o que queremos transmitir a través delas, o respecto cara as persoas e a disciplina que deberíamos ter.

A base tanto do karate como da defensa persoal é poder defendese ante un atacante, pero non hai mellor defensa que evitar no posible os conflitos.

Nazaret e Antonio, canto tempo levan vostedes asistindo a clases neste club?

Nazaret: Eu teño 30 anos e comecei a miña andaina na defensa persoal hai sobre 5 ou 6 anos cun curso que ofrecía o Concello. Estabamos a miña prima máis eu mirando e pareceunos cando menos interesante. É certo que nunca cheguei a sufrir unha agresión como tal pero ser muller implica cargar con certos medos… e por iso decidín iniciarme neste mundo.

Antonio: Eu teño 35 anos e comecei con Alberto fai xa 6 anos cando o coñecín facendo tiro con arco.

Dende pequeno gustábame a cultura xaponesa e as artes marciais. Practiquei artes marciais de neno e karate con 20 anos pero un día falando con Alberto, descubrín que daba clases de Bujutsu (arte marcial que coñecía pero nunca antes puidera probar e sempre quixen facelo) e defensa persoal, e animeime a probar.

Gustaríanos coñecer Alberto cal é o perfil xeral de alumno ou alumna que decide apuntarse a Deperpol?

Xeralmente, os máis cativos comenzan porque algún dos seus amigos practica o deporte. E no caso dos maiores, é porque lles gusta o relacionado cas artes marciais ou porque queren aprender a defenderse nos tempos nos que estamos.

Eu creo, que o que xunta a todas estas persoas neste deporte, é o gusto por practicalo que se vai conseguindo co paso dos adestramentos, e sobre todo por poder facelo con novos amigos.

Antonio que é o que podemos ver un día se acudimos a unha clase en Deperpol?

Pois un pouco de todo: adestramentos para manter a forma que combinan exercicios con ritmos altos de intensidade e técnicas de combate na rúa, técnicas de agarre e luxacións ou defensa contra este tipo de agarres, defensas máis enfocadas a situacións de perigo e clases que tocan a parte máis tradicional e técnica da cultura e disciplina que forman as bases da nosa arte marcial.

Nazaret cre que son disciplinas nas que inflúe a idade?

Eu creo que a idade non inflúe. Está claro que coma en tódalas cousas canto máis novo es, máis fácil é aprender pero nas clases con Alberto, el adáptase ás túas capacidades e necesidades. De feito, no noso grupo hai persoas de tódalas idades como el ben dixo.

Pois por sorprendente que pareza, para min persoalmente, ó final estas disciplinas resultáronme máis doadas de practicar do que imaxinaba.

Alberto cóntenos acerca dalgunhas actividades que teñades previstas a curto/medio prazo?

Polo de agora nas clase de karate centrámonos en ensinar ós alumnos técnicas e movementos para que sigan avanzando no seu coñecemento.

Normalmente, a final da tempada realizamos uns exames para que os alumnos e alumnas se poidan presentar e subir o seu grado de cinto. Tamén adoitamos facer unha exhibición para que os achegados destes alumnos vexan o que aprenderon durante a tempada.

En canto ás clases de defensa persoal, centrámonos en que os alumnos rematen a tempada adquirindo novos métodos de defensa e como en tódolos deportes, cunha mellor forma física para que estean saudables.

Antonio ten vostede algún referente no mundo da defensa persoal?

Sandra Sánchez e Damián Quintero demostraron nas olimpíadas o bonito que é este deporte e que non so consiste en dar golpes e recibilos, senón que é unha práctica moi completa e enriquecedora física e mentalmente.
De Xapón teño tamén outros tantos referentes, modernos e da antigüidade.

Finalmente Alberto, queredes resaltar algunha información?

En primeiro lugar agradecervos que nos brindedes a oportunidade de facer esta entrevista e así poder dar a coñecer o noso club. Por outro lado, engadir que calquera que estea interesado, pode poñerse en contacto con nós para vir probar cando queira. Ás veces a xente, aínda que lles gusta, non se animan a probar por que din que ou xa son moi maiores, ou agora xa están moi avanzados, etc. Pero iso son só escusas, nas clases cada un vai ó ritmo que poida, e ninguén naceu aprendido, por iso animo aquelas persoas que queiran probar a que veñan e desfruten.

Podedes contactar con nós no correo electrónico deperpolsarria@gmail.com ou a través das redes sociais facebook ou instagram baixo o nome de Deperpol Sarria.