Skip to main content
O Incio

A música de raíz chega ás nenas e nenos do Incio con Xavier Blanco

Por 2 Decembro, 2022Decembro 3rd, 2022Sin comentarios

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo achega ás cativas e cativos do CEIP Ricardo Gasset do Incio este luns 5 de decembro a variedade instrumental e cultural da música de raíz da man de Xavier Blanco.

Coas sesións didácticas Aprende raíz o mestre gaiteiro, artesán e  investigador da cultura tradicional Xavier Blanco fará un percorrido pola historia dos instrumentos e dos xéneros musicais, cunha dinámica participativa, pensada para promover o interese pola música de raíz.

A área de Cultura financia este proxecto que xa se iniciou no CEIP da Pobra do Brollón, no CEIP San Clodio de Ribas de Sil e hoxe no CEIP Luis Díaz Moreno de Baralla.

A vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro sinalou que “estas representacións didácticas reforzan o apoio que desde a área de Cultura se presta á música tradicional,  fomentando a súa presenza nas programacións e colaborando con diferentes colectivos que apostan pola investigación, conservación e divulgación” e valorou “a iniciativa de achegar ás xeracións máis novas a nosa música de raíz, que é a base e a fonte de inspiración da música actual”.

A actividade: Aprende Raíz

As sesións céntranse na demostración práctica da riqueza e variedade instrumental e cultural da música de raíz. Dun xeito activo e participativo, Xavier Blanco realizará un percorrido pola historia da música de raíz, desde os instrumentos primixenios, confeccionados con elementos da natureza (asubíos, chamos, cordeiras…) ata os instrumentos propios da música tradicional (gaita, pandeireta, zanfona…). Acompaña ese percorrido dun repertorio que amosa a evolución dos xéneros musicais, dende a muiñeira antiga ata o paso redondo e o trastrás.

As sesións teñen unha duración de 90 minutos e están estruturadas en 3 partes: instrumentos da memoria, instrumentos pobres e instrumentos comúns.

Xavier Blanco, mestre gaiteiro, artesán e técnico en cultura tradicional, dedicou a súa traxectoria profesional e artística á recollida, catalogación e difusión de todo tipo de documentación relacionada coa nosa cultura tradicional, configurando un amplo arquivo sonoro, con pezas transmitidas de xeración en xeración e unha colección de máis de 900 instrumentos tradicionais galegos, clasificados seguindo as súas características físicas, tímbricas e funcionais.

Ó abeiro da Fundación Legar, que promove xunto a Martina Ferradás, traballa nun proxecto para crear en Seara, no concello de Quiroga, un museo que acolla este patrimonio cultural.