Skip to main content
Paradela

A parroquia de Barán, de Paradela, pode contar coa axuda da Xunta para a súa mellora

Por 22 Decembro, 2022Decembro 23rd, 2022Sin comentarios

O alcalde de Paradela, José Manuel Mato, reuniuse coa conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, para abordar diferentes asuntos de interese municipal no marco das súas competencias.

Concretamente, o alcalde explicoulle que o primeiro destes proxectos municipais prevé a recuperación dun espazo público en Barán para habilitar unha praza que sirva de punto de encontro entre a veciñanza. Ademais, incidiu no atractivo turístico desta parroquia, na que se localiza o Castro de Barán integrado por un foso, dúas terrazas e unha croa.

En canto á intervención proxectada no núcleo tradicional de Pacios, o rexedor municipal indicou que o obxectivo é realizar unha serie de intervencións sobre os elementos patrimoniais que alberga este ámbito.

A Xunta estudará a posibilidade de colaborar economicamente co Concello de Paradela na execución de dous proxectos urbanísticos que buscan a posta en valor da parroquia de Barán, unha zona moi coñecida e visitada do municipio, e do núcleo tradicional de Pacios.

Neste sentido, a conselleira lembrou que a Xunta impulsou no ano 2010 o plan Hurbe para apoiar aos concellos na execución de actuacións urbanísticas que dinamicen as vilas galegas e contribúan a mellorar a calidade de vida da veciñanza a través da dotación de equipamentos e servizos públicos, polo que se comprometeu co alcalde a estudar ambos proxectos e analizar o seu posible encaixe no referido programa.