Skip to main content
Samos

Coñece esta ruta pola Fervenza de Santalla

Por 8 Decembro, 2022Decembro 9th, 2022Sin comentarios

Igrexa de San Xosé de Santalla, imaxe de Xoán Arco da Vella

San Xosé de Santalla é unha parroquia do concello de Samos situada na comarca de Sarria. Entre o seu patrimonio conta cunha igrexa parroquial, dúas covas de distintas dimensións (que supoñen un espazo xeolóxico único con estalactitas e estalagmitas no seu interior) e coa fervenza de Santalla, destino que acadaremos ó seguir esta ruta de sendeirismo.

En Santalla de Abaixo podemos visitar non só a súa igrexa, senón tamén a vivenda natal do poeta Fiz Vergara Vilariño, que hoxe en día conserva aínda intacta a súa habitación.

Santalla está bañada polo río Lóuzara, un afluente do río Lor e este á súa vez do río Sil, que con aproximadamente 29 quilómetros de lonxitude da nome ó Val de Lóuzara ou Terras de Lóuzara, no concello de Samos. Esta parroquia conta ademais cunha piscifactoría dedicada á cría do salmón atlántico.

Ten un total de seis entidades de poboación entre as que se atopan Casares, A Casela, Gamiz, Parada, Santalla e Vilar do Robledo. A capital da comarca, así como o núcleo máis poboado, é Sarria.

A igrexa de San Xosé de Santalla é de planta rectangular e tellado a dúas augas, con cuberta de lousa que remata en chafrán no presbiterio. A fachada está levantada con sillería granítica, algo que non adoita ser habitual nesta zona. A súa entrada ten doelas e remates curvos nas esquinas superiores.

Unha moldura debuxa nos perpiaños do muro un arco oxival para servirlle de marco. Máis arriba ábrense dous pequenos vans rectangulares con adorno de arcos, apuntados e en relevo, nos sillares da parte superior. No cume da fachada arranca o campanario, con dous ocos para as campás de arcos apuntados e con remate en frontón partido cun pináculo de bóla cunha cruz de forxa.

No seu cemiterio está a tumba do poeta Fiz Vergara Vilariño, autor ó que se lle dedicou este ano o Día das Letras Galegas. Este templo forma parte da ruta dedicada a el polo Val do Lóuzara que vai dende o alto de Aira Padrón a Santalla.

A ruta de sendeirismo que percorre a parroquia de Santalla, atópase ó sur do municipio de Samos, en Santalla de Abaixo (entre O Courel e O Incio).

Para iniciala pódese deixar o coche ó carón da estrada LU-P-5605, xusto antes de baixar á aldea de Casares para evitar así manobrar xa que o camiño estreitase bastante unha vez se chega ó pobo. Este será o noso punto de partida.

A ruta ten unha distancia total de arredor de 2,3 quilómetros e unha duración aproximada dunha hora. Recoméndase facela en calquera estación do ano e é un roteiro apto para tódolos públicos, dende os máis cativos ata adultos de tódalas idades.

É unha ruta circular que non presenta maior dificultade no terreo pero carece de sinalizacións polo que é necesario o uso dun mapa ou un gps. Non hai tampouco ningunha sinal que indique a dirección á fervenza, aínda que seguindo o río Lóuzara non hai perda.

Trátase dunha paraxe fluvial cun valioso patrimonio natural, paisaxística e cultural, rodeada de prados e bosques onde estaremos acompañados en todo momento polo río e por un montón de vexetación que fan do lugar un paraxe único.

Cando xa levamos camiñado máis ou menos un quilómetro, empezamos a escoitar a fervenza, afluente do río Lóuzara, que supón un impresionante salto de auga duns 25 metros de altura que cae entre castiros.

Este tramo que percorreremos e que parte dende o lugar de Casares, é soamente unha parte de pouco máis de dous quilómetros que nos leva á fervenza de Santalla e que pertence á ruta artístico-literaria de Fiz Vergara Vilariño (esta conta cun total de 7 quilómetros de lonxitude e 13 etapas sinalizadas con obras doutros tantos artistas que se quixeron sumar á homenaxe a este autor).

Pero como mencionamos con anterioridade, o Val de Lóuzara non só se converte no escenario perfecto para o desenvolvemento de rutas de sendeirismo, acolle tamén outras mostras de gran riqueza cultural e artística coma A Cova Grande de Santalla de Lóuzara, na que existen formacións cársticas labradas pola auga durante moitos anos. Lamentablemente e debido ós continuos actos vandálicos, o concello de Samos decidiu protexela cun valado, sendo obrigatorio solicitar permiso para a súa visita. As paredes desta cova simulan ser un órgano ou unha fervenza.

A Cova Grande ten unha lonxitude duns 300 metros. A primeira cámara é de teito baixo e obriga a agocharse ós visitantes ata chegar á sala grande, na cal pódese ver a súa profundidade e altura ademais dunhas figuras moi interesantes realizadas pola natureza durante milleiros de anos.

A Cova Pequena, situada a poucos metros da grande é de tan pequenas dimensións que hai que entrar arrastrándose, malia que o seu tamaño é menor, é tamén de gran interese.