Skip to main content
Samos

O PP de Samos demanda a limpeza das cunetas das estradas municipais

Por 1 Decembro, 2022Sin comentarios

Membros do Partido Popular de Samos veñen de solicitar o acondicionamento da estrada municipal que dende a LU-633 comunica Vilachá, Gorolfe e Gontán para gañar en seguridade e mellorar a conservación das calzadas.

“O estado das infraestruturas viarias está directamente relacionado coa seguridade. Para manter en bo estado as calzadas das estradas é condición necesaria que os elemento que permiten a eliminación de auga, como é o caso das cunetas, estean nas debidas condicións. A inexistencia de cunetas ou o seu mal estado provoca o deterioro das calzadas e, como consecuencia, aumenta o risco para os usuarios das vías públicas”. Así o indica o portavoz popular en Samos, José Fernández, que defenderá unha iniciativa na próxima sesión plenaria para que o Concello mellore as cunetas nas súas vías.

A iniciativa dos populares de Samos refírese en concreto á estrada municipal que dende a LU-633 comunica Vilachá, Gorolfe e Gontán. “Neste caso e á vista do estado actual, parece que o Concello non procedeu a limpar as cunetas ó longo de anos. Debido a elo, cando chove a auga corre pola calzada nalgúns tramos e provoca o seu rápido deterioro”, afirma Fernández.

O portavoz popular espera que o alcalde, o socialista Julio Gallego, atenda a súa solicitude, “porque suporá aforro para o Concello ó prolongar a vida da calzada e máis seguridade tanto para os automobilistas como os peóns que circulan polo tramo indicado”.

Servizo de limpeza

Por outro lado, o portavoz popular, José Fernández, dirixe unha pregunta ó goberno local para saber “en que momento se atopan os trámites para a renovación do contrato para a recollida do lixo no municipio”.