Skip to main content
Samos

O BNG de Samos pide a creación dunha aula Cemit e impulsa o uso das tecnoloxías

Por 2 Decembro, 2022Sin comentarios

Membros do Bloque Nacionalista Galego do concello de Samos, veñen de presentar varias mocións no pleno municipal para impulsar o desenvolvemento e uso das novas tecnoloxías no municipio.

O grupo municipal do BNG de Samos levou ó pleno ordinario  unha peticións que persegue a creación dunha aula Cemit no concello.

Co obxectivo de fomentar o uso das novas tecnoloxías entre os veciños e veciñas da zona queren que o Concello se adhira ó convenio da rede Cemit da Xunta e a Fergamp xa que hoxe en día, a formación no manexo destas tecnoloxías é fundamental para a vida cotiá dado que son precisas para realizar calquera trámite coa Administración.

Por outra banda, os membros deste partido maniféstanse tamén polo estado no que están varias pistas da contorna como as que rodean Lourido, na parroquia de Renche. Reclaman por tanto o seu arranxo xa que o seu pavimento presenta fochancas que dificultan o tránsito tanto de vehículos coma de peóns. Trátase de viais que atravesan o núcleo de poboación e que comunican con diferentes terreos da localidade polo que urxe o seu acondicionamento.

Na última das mocións que os nacionalistas levaron o pleno, solicitóuselle ó Concello que publique as actas dos plenos e das xuntas de goberno na páxina web, algo que ata o de agora non se está a realizar.

Rede Cemit

A Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica (CeMIT) está xa presente na maioría dos concellos galegos cun modelo de xestión máis sostible e con capacidade para seguir estendéndose a máis concellos. Actualmente, son 94 os municipios que dispoñen dalgunha destas aulas públicas de acceso a Internet da Comunidade Autónoma.

A Rede, constituída a principios de abril trala integración das aulas dependentes da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, os telecentros da Secretaría Xeral de Medios e o CNTG, da Consellería de Traballo e Benestar, ten como obxectivo a formación en novas tecnoloxías de tódolos colectivos sociais.