Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

Entrevista: “Cando estou no tapiz sinto unha combinación de nervios, ledicia e incluso medo”

Por 18 Decembro, 2022Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

Coñecemos á asociación deportiva Aixa presidida por Jessica Quiroga Cela, falamos coa súa secretaria e representante legal Jennifer Quiroga e cunha das súas integrantes, a ximnasta Aida Sobrado Rodriguez.

Cando e por que xurde o club Aixa?

O club Aixa xurde no ano 2009, baixo a necesidade de crear un novo club de ximnasia rítmica en Sarria, malia haber en activo nese momento outros dous clubs.

Por que ese nome?

Eliximos ese nome para o club porque significa Muller e pareceunos un nome bastante interesante.

Por cantos membros está composto na actualidade? Confórmano nenos e nenas? De onde proceden?

O club Aixa na actualidade conta cun total de 68 socios, tivemos un baixón por mor da covid-19 pero este ano parece que todo volve estar en auxe.

Está composto por nenos e nenas de distintas idades e sexo procedentes de zonas coma Oural, O Incio ou Samos.

Cal é a traxectoria do club? En que competicións participaron?

A traxectoria do club é moi variada xa que non so nos centramos en ir a competicións e gañar medallas, para nós o importante é a práctica do deporte, que os nenos aprendan o que é o traballo en equipo e a respectar ás persoas que teñen ó lado, valores que lles serviran para aplicar máis adiante no seu día a día.

Habitualmente tódalas tempadas participamos en torneos e campionatos tanto provinciais como a nivel autonómico.

Cantas horas semanais adoitan adestrar as ximnastas?

De media as ximnastas adoitan adestrar unhas 4 horas semanais, por mor da falta de horarios de pavillóns.

Vostede tamén practicou ximnasia rítmica? Formou parte dalgún club ó longo da súa traxectoria profesional?

Si, eu practiquei este deporte dende nena comenzando no club Sarria, para logo pasar o club Quicela de ximnasia rítmica cando o club Sarria se desfixo, de aí a miña dedicación e paixón por este deporte.

Veñen de gañar recentemente algunha medalla ou premio nalgún campionato? Teñen previsto participar nalgún a curto prazo?

Recentemente o equipo sénior clasificouse no campionato provincial acadando o pase directo ó campionato galego.

Polo momento non temos previsto participar en ningún campionato posto que a temporada comezara sobre o mes de marzo.

Como se pode formar parte do club Aixa?

Para formar parte do club Aixa é moi sinxelo, so hai que chamar a este número de contacto 626 965 053 ou enviar un correo electrónico ó enderezo jenniqc@hotmail.com

Que proxectos pensan levar a cabo en Sarria nun futuro?

Como proxectos para o futuro pretendemos seguir co club e intentar mellorar na medida do posible.

Aida Sobrado Rodriguez, ximnasta do club Aixa, danos tamén a súa opinión sobre este deporte.

Porque comenza a practicar ximnasia rítmica e que lle aporta na súa vida diaria?

Comecei a practicar a ximnasia rítmica con 3 aniños porque xurdiu como actividade extraescolar e pareceume interesante, os meus pais foron os que deron o paso de apuntarme e foi o mellor que puideron facer. Co transcorrer dos años a miña afección por este deporte foi en aumento ata o punto de investir 15 anos nel.

Considero que foi unha das mellores experiencias da miña vida, xa que ensinoume a traballar en grupo e a controlar as emocións, ensinanzas que me acompañan no meu día a dia.

Como definiría o vínculo creado coas compañeiras do club?

É un vínculo que ten como base a amizade. Son moitos os adestramentos e momentos vividos en grupo grazas ós cales se crea unha forte relación entre nós. Para min o club é como unha familia formada polas compañeiras e sobre todo polas adestradoras, que son un apoio fundamental.

Que sinte cando sobe ó tapiz?

Síntese unha combinación de nervios, ledicia e incluso medo. Para unha ximnasta saír ó tapiz é demostrar en menos de tres minutos o que levas traballando meses. Recordo con agarimo os instantes antes de saír, cando o club te está animando e mostrando confianza en ti.

Gañou algún premio ó longo da súa traxectoria?

Ó longo da miña traxectoria gañei moitos premios en competicións realizadas por diversos clubs de ximnasia rítmica. A nivel provincial logrei clasificarme tres veces para o campionato galego tanto na categoría de benxamín e alevín como, este derradeiro ano, co conxunto sénior.

Recomendaría a practica de ximnasia rítmica a outros nenos e nenas?

Por suposto. A ximnasia é un deporte que che ensina a convivir e traballar en equipo, a xestionar as emocións e sobre todo a desfrutar practicándoo. Animo a todos, tanto nenas como nenos, a probar e introducirse no fantástico mundo da ximnasia rítmica.