Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

Entrevista: “É moi gratificante ver como a xente desfruta, únese, relaciónase e valora o que facemos”

Por 10 Decembro, 2022Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

Coñecemos á asociación cultural Os Gorriós de Loseiro cuxa xunta directiva está formada por Rosa, Álvaro, Eduardo, Teresa, Silvia e Celia. Falamos coa súa presidenta, Rosa López.

Como, cando e porque xurdiu a asociación?

A asociación creouse no ano 2003, estamos a punto de cumprir o XX aniversario, da man dun grupo de veciños de Loseiro. Xa naquela época se facían varios eventos ó longo do ano, e a nosa sede (o colexio de Loseiro) necesitaba unha boa remodelación, co cal pensamos que a mellor maneira de enfocar tanto eventos coma o arranxo da escola era por medio do asociacionismo contando así con un órgano representativo do pobo.

Cal foi a orixe do nome?

Nesta zoa había o costume de que os veciños de cada aldea levaran o nome dun paxaro, ós de Loseiro sempre nos chamaron gorriós.

Con cantos membros conta na actualidade e de que lugares? Que hai que facer para formar parte dos Gorriós?

Na actualidade somos arredor de 200 membros, moitos de Loseiro, e moitos tamén con orixes na parroquia e que viven fóra dela. Tamén hai xente que asiste ós nosos eventos, cursos.. Se alguén quere facerse membro da nosa asociación pode poñerse en contacto con calquera dos membros da xunta directiva, a través das redes sociais ou escribíndonos ó correo electrónico acosgorrios@gmail.com

Que tipo de actividades promoven e cal é o proceso que se segue dende que se lles ocorre ou propoñen unha ata que se leva a cabo?

Temos unha actividades fixas ó longo do ano que son o Carnaval, o campionato de Tute, o San Antonio, o Loseiro Ye-Ye, a Comida de Confraternidade, o Campionato de Poxa, o Magosto, o San Martiño Caníbal e a Cea de Nadal.

Despois fóra diso adoitamos ter alternativas coma viaxes, cursos ou xornadas adicadas a temas de interese xeral, teatro…

Os socios son informados por medio de correo electrónico ou por correo postal da activade, en que consiste, o custo e o prazo de inscrición. Tamén por medio de cartelaría, posto que as nosas actividades están abertas a todo o mundo, socios da asociación e non socios.

Realizan eventos conxuntos con outras asociacións de Sarria ou da contorna? De ser así, cales e con que asociacións?

Neste momento non estamos a realizar eventos conxuntos con outras entidades, pero estamos abertos a novas propostas.

Cales son os proxectos que teñen en mente tanto a curto como a longo prazo?

A curto prazo as actividades antes mencionadas e a longo prazo, temos algún proxecto en mente relacionado coas melloras no campo da feira e na escola.

De tódalas actividades, encontros e eventos organizados polos Gorriós, cal é o seu favorito e por que?

Bueno, elixir unha é moi difícil porque todas teñen o seu encanto. Dende o Magosto, unha tradición moi arraigada que sempre tivo continuidade, á festa parroquial na que nos xuntamos tódolos veciños, a comida de confraternidade que facemos no verán na que asisten moitos gorriós que residen fora, o lendario Carnaval que concentrou en épocas de post pandemia grandes cantidades de asistentes, o San Martiño Caníbal que é un festival gastromusical de aldea, ou o Loseiro Ye-Ye, no que gorriós e amigos vestímonos dos anos 70 e desfrutamos dunha festa en toda regra.. non sabería cal escoller!

Cre que as asociacións culturais de concellos pequenos coma este, reciben a atención que merecen?

Quizais non se lles dá a importancia que teñen na vida dunha aldea ou incluso nunha pequena vila. A cultura é unha parte moi importante dun pobo, favorecendo as relacións sociais, o desfrutar dun concerto, dunha charla, unha viaxe.. e non nos esquezamos de que aportamos un pequeno grao de area á economía local xa que con cada actividade que organizamos móvense persoas e bens, os músicos, a panadería, a imprenta, as empresas de alimentación.

Na actualidade con que financiamento conta a asociación?

O financiamento actual vén dos socios, da súa cota anual e de colaboracións puntuais do Concello de Sarria e da Deputación de Lugo. Normalmente as actividades autofináncianse coas achegas das persoas que asisten a elas. Pero temos outros gastos a sufragar como o mantemento da nosa sede, o gastos en correo, en papelería, a limpeza da escola, o desbroce do campo da festa…

Esta asociación leva traballado moito, foron moitos os veciños que pasaron pola directiva e sempre todos eles de forma altruísta, aportando os seus coñecementos e o seu tempo para que a vida na nosa aldea foro o máis agradable posible. Loseiro é un pobo moi unido, agora ven detrás de nós unha xeración de nenos que queremos que amen a súa terra e se críen unidos como o fixemos as xeracións anteriores. E non nos podemos esquecer dos nosos maiores xa que se non fora por este tipo de activades, como din eles, pasaría o ano e non se verían. Dende aquí animamos a que se formen máis asociacións, e que se lles aporte vida e visibilidade ás aldeas. Aínda que ás veces temos que sacar tempo de estar coas nosas familias ou empregar recursos propios para que a asociación se manteña, é moi gratificante ver como a xente desfruta, únese, relaciónase e valora o que facemos.