Skip to main content
Cultura SARRIAXASarria

Entrevista: “Ofrecemos un servizo de atención próximo e amable ós nosos clientes con produtos de calidade”

Por 17 Decembro, 2022Febreiro 13th, 2023Sin comentarios

Falamos con Santiago Alfredo López Noda, propietario da Carnicería Noda, situada na rúa Diego Pazos de Sarria. Un establecemento centrado en darlle ós seus clientes produtos da mellor calidade que cumpran coas normativas sobre a cría de gando e proveñan directamente de granxas da rexión.

Canto tempo leva Carnicería Noda en Sarria? Cóntenos con que instalacións contan no municipio e cantos traballadores ten na actualidade?

A Carnicería Noda leva ca nova xerencia dende o mes de xuño, conservando as súas empregadas anteriores.

Hoxe en día estamos á fronte eu, Santiago Alfredo López Noda, que son o xefe e propietario do establecemento e dúas carniceiras: Mónica Fernández Poy e Inmaculada González Olmo.

Que produtos ofrecen ós seus clientes? Cal é a súa orixe e por que se caracterizan?

Na actualidade temos gran variedade de produtos empezando pola tenreira que procede de tenreiros da zona de Sarria, vaca madurada, porco, polo, pavo, embutidos da zona de Becerreá e Samos, outros embutidos de León e máis sitios dos cales vendemos tanto pezas ó corte coma enteiras. Tamén dispoñemos de bacallau, conxelados varios como merluza, polbo, luras…, produtos para a elaboración de matanzas, conservas…

Como se organizan para dispoñer de tódolos produtos por exemplo durante unha semana?

Os pedidos dos produtos podémolos realizar de xeito diario ou semanal, dependendo do provedor do que se trate pero o importante é que sempre contamos con produto fresco e de calidade.

Que volume de vendas adoitan ter?

O noso volume de vendas pode variar moito dependendo da época da que se fale e tamén dos bares e restaurantes ós que lles servimos, pero o noso principal obxectivo é sempre ir aumentando estas vendas e mellorando o servizo que ofrecemos ós clientes.

Cales son os produtos máis adquiridos polos clientes? E os que menos?

A Carnicería Noda caracterízase sobre todo pola venda de churrasco e filetes (que sempre temos os mais tenros), despois están os elaborados coma o cachopo, as hamburguesas normais e as recheas, o pincho moruno ou a zorza, a verdade é que todos eses produtos teñen moi boa saída. Quizais o que menos se vende no noso establecemento sexa o coello e o pavo.

Como están a combater a suba de prezos? Realizan descontos e promocións para os clientes?

A suba de prezos combatémola un pouco como todos hoxe en día, intentamos axusta ó máximo os prezos para non asustar ós clientes pero non hai mais remedio que ir subindo aínda que sexa un pouco. Sempre tentamos facer ofertas se hai exceso dalgún produto para tentar darlle máis saída e para facer as compras un pouco máis levadías.

Con respecto ó oficio de carniceiro, dende sempre quixo exercer como tal? Que dificultades implica o seu traballo?

Creo que o de carniceiro é un traballo que che ten que gustar. Non entraña unha dificultade especial, como outro calquera outro, o que si é importante é que un ten que estar a gusto co que fai e desfrutar do traballo.

Algunha vez sufriu algún contratempo na carnicería ou tivo algún accidente?

Sempre hai contratempos como en tódolos traballos pero sempre hai saída para eles. Con respecto ós accidentes ou contratempos, de vez en cando hai algún corte pero afortunadamente, nada máis grave.

Que cre que lle falta á súa profesión?

Penso que á profesión de carniceiro/a fáltanlle profesionais, xente que queira aprender o oficio ou incluso algún curso que fora gratuíto ou ciclo de formación profesional para que a xente probe este mundillo e se forme ó respecto xa que leva tempo aprender ben todo e saber como satisfacer ós clientes e clientas.

Que diferencia á Carnicería Noda doutras carnicerías?

Eu destacaría da nosa carnicería que intentamos dispoñer da maior diversidade posible nos nosos produtos para que a xente veña probar cousas novas, ampliamos moito o noso contido de produtos dende o mes de xuño e queremos seguir traendo cousas novas para poder ofrecer o mellor ós nosos clientes e clientas.

Dispoñemos de páxina web a través da que poden contactar de xeito directo con nós, os interesados poden chamarnos ou ben facernos chegar un WhatsApp para pedirnos por encargo o que necesiten xa que así resulta moito mas rápido e sinxelo satisfacer as súas necesidades. Outra cousa que estamos introducindo  son os produtos elaborados para que as persoas que cheguen a casa e non teñan tempo para cociñar, poidan dispor deles dun xeito moito máis fresco que nos tradicionais supermercados.

E por último, gustaríame resaltar o servizo de atención próximo e amable que ofrecemos ós clientes. Animamos dende aquí a todo o mundo a mercar no pequeno comercio xa que ás veces está un pouco esquecido e ó final todos vivimos en Sarria e comemos de produtos de aquí da zona.