Skip to main content
Sarria

A piscina climatizada de Sarria disporá neste mes de decembro dun ximnasio

Por 1 Decembro, 2022Decembro 2nd, 2022Sin comentarios

A vila de Sarria poderá desfrutar a partir deste mes de decembro de novas instalacións nas que realizar deportes coma cardio, exercicios de tonificación, peso libre ou estiramentos.

Tal e como aseguran dende o Concello, a previsión da apertura do ximnasio da piscina está prevista para comezos de decembro. Un ximnasio para o que xa se está instalando a maquinaria correspondente e no que os asistentes poderán desfrutar dunha xornada de portas abertas na que probar as máquinas e coñecer ó persoal do centro.

As instalacións foron equipadas a través dun sistema de alugueiro contratado ó BBVA por un importe de 186.716 euros.

O centro deportivo a parte das xa nomeadas zonas de cardio, circuíto de tonificación, peso libre e estiramentos, contará tamén cunha sala de 16 bicicletas nas que levar a cabo clases de spinning,  unha das disciplinas de adestramento máis exitosa do fitness.

Os aparatos, todos eles de última tecnoloxía, permitirán ós usuarios escoitar música, ver series ou películas ou manterse conectados ás redes sociais mentres realizan a súa rutina de exercicios. Cada un dos que decida apuntarse ó centro, disporá dun chaveiro co que poderá acceder non só ás instalacións, senón tamén de xeito persoal ó seu propio programa de adestramento.

O centro deportivo está a impartir na actualidade outras actividades coma pilates, zumba, ioga, ximnasia de mantemento ou tonificación. Abre tódolos días da semana agás os festivos, con horarios de luns a venres de 07.30 a 12.30 e de 17.00 a 22.00 horas, os sábados de 09.00 a 14.00 e de 16.30 a 21.00 horas e os domingos de 09.00 a 14.00 horas.