Skip to main content
Sarria

O Concello de Sarria acondicionará diversas pistas municipais

Por 2 Decembro, 2022Decembro 3rd, 2022Sin comentarios

As obras que xa saíron a licitación, permitirán levar a cabo proxectos de renovación en varias estradas do municipio.

As principais pistas que se beneficiarán del serán a de acceso a Barbadelo dende a LU-P- 5709 en A Serra, a de Cedrón dende a LU-P- 5713 por Piñeira, a de Peruscallo na parroquia de Belante e a de Vilerma dende a LU-633.

A iniciativa será executada polo Enxeñeiro Técnico Municipal D. Manuel Balboa Caldeiro e contarán cun presuposto de execución por contrata total de 401.200,36 euros e entre os traballos que levarán a cabo os operarios, atópanse os de pavimentación e asfaltado, así coma os de pintura da superficie da calzada.

Con respecto á partida orzamentaria, será distribuída da seguinte maneira: ó proxecto técnico de renovación de firme da pista de acceso a Barbadelo dende a LU-P-5709 en A Serra destinarase un presuposto de licitación de 111.809,75 euros, á pista de acceso a Cedrón dende a LU-P-5713 por Piñeira un total de 112.282,80 euros, á pista de Peruscallo na parroquia de Belante uns 65.840,42 euros e á de acceso a Vilerma dende a LU-633 destinaranse 111.267,39 euros.

Os respectivos proxectos foron aprobados por medio de acordo da Xunta de Goberno Local, nunha sesión realizada o 16 do pasado mes de novembro.

A presente licitación vén derivada do feito de que diversos camiños públicos municipais se atopan moi deteriorados nas súas capas de rodadura véndose o Concello na necesidade de proceder á súa rexeneración e renovación, no ámbito das competencias propias e obrigatorias previstas na lexislación de réxime Local.

Na actualidade, os viais obxecto dos respectivos proxectos son vías de titularidade municipal, que presentan un estado visible de deterioración na súa capa de rodadura, con numerosas fochancas e buracos que dificultan o tránsito rodado.

As obras obxecto dos proxectos consistirán substancialmente no afirmado mediante a extensión e compactación dunha nova capa de rodadura de tipo AC 16 Surf 50/70 S (S-12) de 6 centímetros de espesor previo rega de adherencia con emulsión C60B3 ADH cunha dotación de 1 kg/m2 , limpeza de cunetas, liñas lonxitudinais e símbolos e cebreados, coa finalidade de mellorar a seguridade viaria e a imaxe actual das vías.

Establécese como prazo máximo de execución das mesmas 30 días naturais.