Skip to main content
Sarria

Necesítanse animadores socioculturais en Sarria

Por 22 Decembro, 2022Decembro 28th, 2022Sin comentarios

O alcalde de Sarria, mediante Decreto 2022-1366, aprobou  as bases da convocatoria para a creación dunha bolsa de emprego de animadores/as socioculturais para a residencia de maiores Nosa Señora do Carmen, do Concello de Sarria.

Ábrese o prazo de presentación de solicitudes, que será de 10 días naturais a contar desde o día seguinte á publicación do presente anuncio no Boletín Oficial da Provincia de Lugo, que foi o pasado 20 de decembro, polo que estará aberto o prazo ata o vindeiro 30 deste mes.

As presentes bases teñen coma obxectivo regular o proceso de constitución dunha bolsa de emprego de animadores/as socioculturais de cara a cubrir urxentes e inaprazables necesidades de persoal en réxime de persoal laboral temporal.

A modalidade do contratación é a regulada no artigo 15 do Texto Refundido da Lei do Estatuto dos Traballadores aprobado por Real Decreto Lexislativo 2/2015, de 23 de outubro, sempre que conste xustificación bastante e crédito axeitado e suficiente para proceder á contratación.

Perfil do animador sociocultural

O perfil do animador/a sociocultural é o dun profesional que organiza, dinamiza e avalía proxectos de intervención social e cultural dirixidos ao desenvolvemento da autonomía persoal e grupal de colectivos. Para iso, aplica técnicas de dinámica de grupos e utiliza recursos comunitarios, culturais e de lecer.

Ademais, impulsa a comunicación e a colaboración entre grupos de individuos que se organizan para dar resposta a os seus intereses e necesidades persoais e sociais.

As súas principiais funcións serán analizar as demandas, expectativas e características das persoas ás que se dirixe; executar os proxectos de animación sociocultural, avaliar o programa de actividades, participar na xestión dos proxectos, e todas aquelas actividades que, sen estar especificadas antes, lle sexan encomendadas, que estean incluídas no exercicio da súa profesión e preparación técnica, e que teñan relación co sinalado anteriormente.

A selección efectuarase mediante concurso de méritos, debendo respectar en todo caso os principios de igualdade, mérito, capacidade, publicidade e transparencia.