Skip to main content
Begonte

Unhas 10.000 persoas visitaron o belén de Begonte nos primeiros quince días

Por 20 Decembro, 2022Sin comentarios

Nas dúas primeiras semanas de funcionamento do belén de Begonte téñense superado as 10.000 visitas de nenos e maiores que acuden con motivo do cincuentenario da súa creación en 1972.

Se o día inaugural funcionou para as 200 persoas que participaron nos actos, e o día tres para os asistentes á misa polos amigos falecidos do belén, no primeiro día de apertura ao público recibiuse a visita de 700 persoas; 1.200 o día seis e 1.300 o día oito, e os festivos e vísperas mantivéronse con estas cifras.

Durante os días laborables recibíronse visitas, especialmente de centros educativos, pero tamén de asociacións e entidades, rexistrándose os primeiros días grupos de Mondoñedo, Peña Madridista de Culleredo, A Coruña, Salceda, Colexio Divino Maestro, Pobra de San Xiao, San Román, Mulleres e nenos de Paradela, A Golada, Sarria e un amplo etcétera.

E se para atención aos grupos se debe chamar previamente ao teléfono 610.907306, para as visitas invididuais ou familiares non hai que efectuar reservas e, se se teñen formado colas en todos os días de funcionamento, deseguida se produce a entrada pois cada cuarto de hora poden visitar o Belén algo máis de medio cento de persoas. Foi especialmente numerosa a asistencia esta pasada fin de semana, con motivo da celebración da Feira do Nadal begontina.

Se ben se prevé que as visitas aumenten esta fin de semana e ata o día de Reis no que o Belén funcionará diariamente, reitérase a necesidade de que os colectivos avisen previamente da visita, xa que para a mañá do martes, 20, teñen anunciado visita catro colectivos, e 7 virán a ver o Belén na mañá do mércores, día 21.