Skip to main content
Axenda CaducadaBegonte

O CEIP Virxe do Corpiño organiza este mércores unha carreira solidaria

Por 20 Decembro, 2022Sin comentarios

O Departamento de Educación Física do CEIP Virxe do Corpiño, dentro do Proxecto de Vida Activa e Deportiva do centro, organiza a I Carreira Solidaria San Faiuquiño en colaboración co Concello de Begonte, co Club de Atletismo Corre por Begonte e coa Asociación Deportiva Rego do Lobo.

Esta proba deportiva terá lugar o mércores ás 12:00 horas, con saída e chegada no propio centro. Constará de 2 probas pola contorna próxima do centro, nas que os participantes recorrerán diferentes distancias en función da súa idade.

É unha carreira aberta á participación de toda a comunidade educativa, de xeito que non só poderán participar os nenos/as e os mestres/as, senón tamén aquelas nais e pais que así o desexen.

Para poder participar e obter dorsal, haberá que aportar algún alimento non perecedoiro. Os alimentos recolleranse no centro ata o día 20 de decembro incluído, e serán doados aos servizos sociais do Concello de Begonte para o seu reparto entre as familias máis desfavorecidas da nosa contorna. A recollida de dorsais realizarase no colexio o mesmo día da proba ás 11:30 horas.

Esta carreira forma parte do programa de nadal do centro, que arranca hoxe coa visita ao belén da localidade, que cumpre 50 anos de historia. Rematarán o xoves con obradoiros de manualidades e de cociña así como a visita do apalpador nunha xornada festiva.