Skip to main content
Cospeito

O gandeiros participaron na reunión da comisión da Moexmu para preparar a feira

Por 18 Decembro, 2022Decembro 20th, 2022Sin comentarios

Os deputados de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, e de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, participaron este sábado en Cospeito nunha xuntanza de traballo celebrada pola Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta con motivo da preparación da XXXIX Mostra Exposición de Muimenta (Moexmu). A cita, que terá lugar entre o venres 31 de marzo e o domingo 2 de abril do 2023, reunirá un ano máis a gandeiros e gandeiras, que foron os que participaron no encontro de onte.

Fernández Rico destacou o compromiso da Deputación con esta feira multisectorial que supón “un dos mellores escaparates para o impulso do sector primario da nosa provincia”. Unha feira que xira arredor do gando, da maquinaria e da artesanía, “son tres sinais de identidade do noso rural que temos que coidar para recuperar o sector e para seguilo consolidando como unha actividade económica  estratéxica e de futuro para a provincia de Lugo”, segundo explicou o Deputado.

A institución provincial triplicou na edición deste ano 2022 a súa colaboración coa Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais, Gandeiros, e Autónomos de Muimenta, á que achegou 33.000 euros para a celebración da cita e a realización do primeiro concurso autonómico de gando frisón na provincia de Lugo, Frisón FEFRIGA 2022.

Tamén asistiron o alcalde de Cospeito, Armando Castosa, e varios concelleiros.

Durante a reunión de traballo, aparte das propias cuestións técnicas do Concurso de Gando Frisón, así como dos posibles horarios para a distribución das diferentes seccións e campionatos, e da poxa; comentouse a posibilidade da entrada do gando un día antes (o xoves), incrementar a iluminación na zoa de lavado do gando, así como o peche frontal dunha das naves do Recinto Feiral.

Tamén se comentou a posibilidade recuperar unha escola de xuices e xuizas, ante a escasez dos mesmos a nivel estatal.