Skip to main content
Comarca LUGOXAFriol TERRACHÁXA

O servizo de Atención Temperá de Friol medra en número de usuarios

Por 29 Decembro, 2022Decembro 30th, 2022Sin comentarios

O Servizo de Atención Temperá da agrupación de concellos de Friol, Palas de Rei, Guntín, Begonte e Rábade, instalado na segunda planta do centro sociocultural de Friol, está subvencionado pola Xunta de Galicia e financiado polo Fondo Social Europeo cunha cantidade de 160.000 euros, sendo así un servizo totalmente gratuíto para as familias e que conta con unhas instalacións modernas e axeitadas para as terapias ofertadas.

A atención temperá é o conxunto de intervencións dirixidas á poboación infantil de 0 a 6 anos, á familia e á contorna, que teñen por obxectivo dar resposta o máis cedo posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e as nenas con trastornos no seu desenvolvemento ou que teñen risco de padecelos.

Dende a posta en marcha desta unidade, en setembro de 2020, a cifra de nenos atendidos non parou de medrar. Pasaron xa por estas instalacións 85 nenos e nenas, e a previsión é que continúe aumentando, xa que o traballo que se realiza cada vez ten máis recoñecemento e popularidade sendo  fundamental a propia veciñanza dos concellos que co “boca a boca” promocionan o servizo. 

Durante o ano 2022 o servizo realizou 3.165 prestacións individuais, 31 consultas de acollida, 290 sesións de valoración, 179 accións de coordinación e 16 finalizacións de servizo.  A idade media de acceso sitúase en 3,2 anos.

O equipo multidisciplinar da unidade de Friol está formado por catro profesionais especializados en atención temperá nas áreas de logopedia, enfermaría, terapia ocupacional e psicoloxía.

As principais causas de intervención van desde problemas emocionais e afectivos, dificultades do vínculo e das relacións sociais, problemas de conducta, problemas da fala, deglución, lectoescritura, alteracións sensoriais, déficits motores, de aprendizaxe e de atención, deformidades craneais posturais, etc.

Os obxectivos terapéuticos abarcan a prevención, a intervención tanto en casos moi puntuais para solventar unha situación leve, ou máis prolongados no tempo en situacións crónicas ata a finalización do servizo. Trátase de atender o desenvolvemento do menor de forma integral nun servizo cercano.

Para acadar estes obxectivos é imprescindible o traballo coordinado cos recursos externos (familia, escola, servizos médicos, servizos sociais, etc). Isto ofrece uns resultados moi positivos, existindo unha retroalimentación óptima para unha atención de calidade a todos os niveis. Tamén, grazas a isto, fíxose posible que aumentara considerablemente o recoñecemento dos graos de discapacidade e dependencia, ofrecendo ás familias a información pertinente en cada momento. 

A calidade do servizo está a ser valorada polas familias como amosan os datos recollidos na última enquisa anónima. Nesta enquisa o nivel de satisfacción xeral do servizo é moi elevado, cunha media de 4,85 sobre 5. Destaca o estado das instalacións, a accesibilidade, a dotación de material, a profesionalidade do persoal, as actividades extraordinarias como a xuntanza lúdica coas familias realizada no complexo fluvial de Friol no mes de xullo, etc.

O alcalde de Friol, Jose Á. Santos, resalta que “o servizo de atención temperá con sede no noso concello está funcionando ben, e cada vez son mais nenos e nenas dos concellos que están integrados en este servizo, xunto coas súas familias, os que se ven beneficiados pola boa labor que desenvolven cada día as catro profesionais que nel traballan”.

Os alcaldes dos outros concellos que tamén forman parte da unidade, subscriben as palabras de Jose Á. Santos, e todos apostan por continuar con este servizo, que é tan necesario para as familias, e sobre todo para os nenos e nenas que necesitan acudir a estas profesionais.