Skip to main content
Guitiriz

O guitiricense Xosé Antón Cascudo Rodríguez gaña o Premio Ramón Piñeiro

Por 27 Decembro, 2022Decembro 28th, 2022Sin comentarios

O guitiricense Xoé Antón Cascudo resultou gañador do Premio Ramón Piñeiro 2022 coa obra A mística da feminidade en Mad Men.

O Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2022 está organizado conxuntamente polo Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades da Secretaría Xeral de Política Lingüísitca da Xunta de Galicia e a Editorial Galaxia co patrocinio de Caixa Rural Galega.

O ensaio premiado nesta XXII edición do Premio Ramón Piñeiro está dotado con 3.000 euros e vai ser publicado por Editorial Galaxia durante o próximo ano.

Compuxeron o xurado Rocío Carolo, Marcos Calveiro, María López Sández, Marta Neira e Armando Requeixo, que actuou como secretario con voz e con voto.

O xurado valorou en A mísitca da feminidade en Mad Men a súa aposta polo ensaio dende a análise semiótica do audiovisual máis icónico, no que se estuda a cuestión de xénero integrando na revisión o mellor das análises e do pensamento sobre o tema.

Escrito cun estilo ensaístico moi ben perfilado, posuidor dunha estrutura acaidamente arborada, A mística da feminidade en Mad Men achega, e anosa, unha proposta ensaística que conecta co máis destacado dos estudos internacionais neste ámbito, reflexionando sobre a construción do socioidentitario a través dunha das series máis recoñecidas e influíntes do noso tempo.

Así mesmo, o xurado salientou a variedade e o interese do conxunto de traballos presentados a concurso, o que amosa a vitalidade do xénero ensaístico en Galicia e espella a solidez da traxectoria deste certame, polo que levan apostando dende hai máis de dúas décadas a Editorial Galaxia e o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades da Secreatría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

O autor do ensaio, Xosé Antón Cascudo (Guitiriz, 1976) é profesor de Xornalismo na USC, ademais de poeta (publicou en 2007 Manual do misántropo en Espiral Maior) e director de documentais. Licenciado en Historia da Arte, é tamén doutor en Filosofía e un dos máis estimados estudosos galegos do eido audiovisual. Actualmente está integrado no grupo Nova Poesía Guitirica.