Skip to main content
Meira

“Muíño de Barxa é unha Asociación que leva tres apelidos: Cultural, Agraria e Ambiental”

Por 24 Decembro, 2022Sin comentarios

Jesús Castro, responsable de comunicación da nova asociación meirense Muiño de Barxa

Cando naceu a asociación?

A asociación constituíuse hai uns meses, aínda está comezando a coller forma. É aínda un grupo moi reducido, e o propósito é que a partir de agora, que xa botou a andar, se vaia involucrando a poboación da contorna, o sector privado e as autoridades locais. Con esta colaboración entre os diferentes sectores, agardamos que se propicie un diálogo para impulsar o rural.

Cal é o obxectivo da mesma? Con que intención se fundou?

Muíño de Barxa é unha Asociación que leva tres apelidos: Cultural, Agraria e Ambiental. As súas liñas de acción son o desenvolvemento rural, a diversificación da actividade nese medio e a conservación do patrimonio natural. Un dos obxectivos polos que se quería comezar era pola oferta de actividades relacionadas coa formación, e por iso comezamos coa exposición para escolares e desenvolvendo ao mesmo tempo charlas e obradoiros nos que tratar eses valores da Reserva da Biosfera.

Cal é o segredo de manterse activos todo este tempo?

Aínda acabamos de comezar, en realidade, así que é cedo de máis para falar diso. Si que temos intención de seguir adiante o tempo que se poida, e que no traxecto se vaia unindo xente e entre todos compartir o esforzo e os resultados.

Que vinculación teñen con Meira?

Os membros que fundaron a Asociación vivimos e traballamos na contorna, é unha zona que engloba moita actividade dos concellos veciños: de Castro de Rei, da Pastoriza, da Ribeira de Piquín… É un territorio que conta cun importante patrimonio natural e que está coma quen di a cabalo entre a Reserva das Terras do Miño e a Reserva do Eo e Terras de Burón, o que dá moitas posibilidades. Á fin e ao cabo, desta zona saen eses dous ríos que abrazan Galicia e acaban definindo as súas fronteiras.

Por que este nome?

O Muíño de Barxa atópase nas inmediacións da lagoa de Fonmiñá, onde aflora o caudal do río Miño, e dá testemuño do patrimonio natural e etnográfico da zona, así como dun pasado non tan distante aínda moi presente no imaxinario colectivo. Muíños coma ese foron eixos arredor dos que se estruturou a agricultura e a vida socioeconómica galega durante séculos, e polo tanto, tamén resultaron lugares decisivos para o desenvolvemento da cultura e da identidade. Tendo iso en conta, coas mesmas intencións e desta vez botando a vista cara o futuro, pénsase no Muíño de Barxa como símbolo da Asociación por ostentar estes significados.

Canta xente pertence á asociación?

De momento é un grupo pequeno, máis ou menos unha vintena de persoas e varios axentes implicados, pero segundo se vaia dando a coñecer coas actividades, contamos con que a xente da contorna se implique, e invitamos a que quen estea interesado a que se poña en contacto (https://www.facebook.com/muinhodebarxa/) para unirse ou propoñer calquera cousa que se poida encadrar na asociación.

Que actividades realizan durante o ano?

Polo de agora a exposición sobre as Terras do Miño foi a primeira actividade. Xa estivo en varios concellos e queremos seguila levando por máis centros escolares, e tamén a outros sitios que non só sexan colexios e institutos, e aumentar os contidos relacionados con ela. Pensamos que é de interese para a poboación xeral e non somos conscientes do valor do noso territorio tanto como deberiamos.

Que obxectivos hai en canto á afiliación?

Sabemos que a vida hoxe en día é moi ocupada e a xente ten pouco tempo máis alá das súas ocupacións, pero encantaríanos ir sumando socias e socios, e ver que se pode conseguir un impacto positivo facendo as cousas cun pouco de iniciativa.

De cara ao futuro que proxectos teñen?

Gustaríanos poder seguir traballando para ofrecer un programa formativo que impulse as actividades emprendedoras e innovadoras. Sobre todo pensando, por exemplo na xente que se dedica á agricultura, e ver que se pode facer para reducir o impacto ambiental nas súas prácticas, ou axudar a imaxinar vías para diversificar a actividade.

Contan con axuda para manter a asociación activa?

Non polo de agora. Un dos retos a perseguir é o fortalecemento das colaboracións público-privadas, contando co apoio dos Concellos, de xeito que se favoreza a transmisión de coñecementos para mellorar a situación dos habitantes e traballadores de pequenos municipios, da investigación e das institucións vinculadas ao rural.

Que necesidades se lles plantexan?

Ademais diso que xa mencionamos, sería desexable chegar a lograr a rehabilitación do Muíño, crucial para impulsar todas as actividades formuladas. Suporía unha mellora cualitativa e cuantitativa: é necesario dotar a edificación da capacidade de albergar un centro de operacións que sirva como espazo de exposición, lugar de reunións e para acoller visitantes, e como non, edificio con valor propio, demostrativo á súa vez da tradición arquitectónica da nosa historia e do acervo etnográfico do país. Pero iremos facendo aos poucos!