Skip to main content
Muras

Firmado o convenio para a humanización do Campo da Feira do Viveiró

Por 29 Decembro, 2022Decembro 30th, 2022Sin comentarios

A institución provincial colabora co Concello chairego para a mellora deste espazo que servirá para darlle unha nova imaxe e facer máis accesible e cómodo para a veciñanza este espazo social.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o alcalde de Muras, Manuel Requeijo Arnejo, asinaron un convenio de colaboración para mellorar e humanizar o Campo da Feira do Viveiró. Un acordo a través do que a institución provincial achegará 409.000€ en dúas anualidades para acometer este proxecto que ascende a 460.000€, asumindo o Concello o 10% restante.

Tomé Roca indica que esta colaboración económica servirá para “darlle unha nova imaxe e para facer máis accesible e cómodo para a veciñanza un espazo social tan importante como o Campo da Feira do Viveiró, que acolle eventos importantes para este municipio e para a comarca como pode ser a Feira do Mel”, sinalou.

O mandatario provincial subliñou que esta colaboración se suma “ás obras de reordenación e acondicionamento xa acometidas na Praza da Galeguidade desta vila, que financiou integramente a Deputación con 220.000€”. Un exemplo máis, segundo destacou, “da continua colaboración que dende a Deputación de Lugo prestamos ós 67 concellos da provincia para que poidan ofrecer máis e mellores servizos ós seus veciños co obxectivo de fixar poboación no territorio”.

As obras

Con estas obras no Viveiró vaise recuperar o campo da feira orixinal, que ten unha superficie que supera os 3.670 m2, reordenando os usos e humanizando a contorna. Ademais, tamén se van acondicionar as estradas LU-P-3404 e LU-P-6502 que discorren por esta praza. O resultado final da actuación suporá a creación dun novo espazo de convivencia humanizado no que o peón cobrará protagonismo fronte ao tráfico rodado.

Vaise crear unha única zona cun firme de formigón, que estará dotado de novo mobiliario urbano. Este punto estará ordenado, indicando con claridade o viario destinado ao uso dos vehículos así como das zonas destinadas a aparcamento. Esta obra incluirá melloras en accesibilidade pensadas para persoas con mobilidade reducida ou carros de bebés. Así mesmo, renovaranse os servizos públicos como a rede de saneamento, pluviais, a rede de enerxía eléctrica, a rede de telecomunicacións e o alumeado público. Simbolizarase o Viveiró como o corazón do Xistral mediante o plantado de árbores en torno a uns círculos de céspede.