Skip to main content
Outeiro de Rei LUGOXAOuteiro de Rei TERRACHÁXA

A USC inaugura unha mostra sobre a olería de Bonxe

Por 3 Decembro, 2022Sin comentarios

A exposición Itinerante Formas tradicionais da cerámica popular: Terra Chá Bonxe inaugurouse onte, venres 2 de decembro, no segundo andar da Facultade de Xeografía e Historia, onde permanecerá ata marzo de 2023.

Presentada inicialmente na capital luguesa co patrocinio da Deputación de Lugo e o Centrad – Centro de Artesanía e Deseño , a mostra trae agora a Compostela unha selección de pezas oleiras orixinais do centro produtor de cerámica tradicional de Bonxe para poñer en valor esta forma de artesanía tradicional a través do traballo realizado pola Asociación Ceramolóxica Canaveira e persoal investigador da USC.

O recente Curso de Identificación cerámica arqueolóxica de contextos galegos, realizado na facultade de Xeografía e Historia e promovido polo grupo EcoPast, culminou precisamente coa visita a un dos últimos centros oleiros en activo en Bonxe, na vila chairega de Outeiro de Rei.

A exposición presenta exemplos desta artesanía en vías de extinción —da que Pepa Lombao é a última referente— e acompáñaa de carteis divulgativos para favorecer o seu coñecemento. Ademais, inclúe novas propostas cerámicas, xa dende un punto de vista artístico —co traballo do ceramista Lolo de Anseán— co fin de amosar o nexo entre tradición e modernidade con pezas elaboradas na técnica rakú e reinterpretacións actuais de terra sigillata.

A recuperación dunha cerámica popular a través da investigación

A fabricación de cacharros de barro foi un oficio desenvolvido en diversos lugares da Terra Chá. Hai constancia da existencia desta industria en Ramil, Bagueixos, Tirimol e Pías, no concello de Lugo. Así mesmo, en Guillar, Silvarrei, Pape, Constante, O Cantón, Francos, Penelas, Mosteiro e Bonxe, na contorna municipal de Outeiro de Rei.

Por avatares da historia todos estes obradoiros de cerámica están xa extintos, e recentemente, pechou o último que seguía aberto en Bonxe, o de Pepa Lombao. A Asociación Ceramolóxica Canaveira, dirixida por Hixinio Flores, Lolo Fernández, Orlando Veiga, Xerardo Caldas e Xaime Fernández fundouse no ano 2018 para dar a coñecer a industria oleira galega e tentar que o seu legado, tanto a nivel de información, coma dos lugares ou as pezas cerámicas, non caeran no esquecemento do tempo.

En Bonxe en concreto, comezouse a recuperar pezas, coa axuda de colaboradores coleccionistas, iniciándose un proceso de catalogación de espazos e pezas. Esta actividade tivo un primeiro fito divulgativo coa organización da exposición ‘Pasado e presente da olaría en Lugo’, financiada pola Deputación de Lugo e o Centrad e que tivo lugar na capital lucense.

O éxito desta actividade e a necesidade de continuar compilando información sobre o centro produtor de Bonxe, levou a que Hixinio Flores e Orlando Veiga decidiran presentar á Deputación de Lugo a idea de confeccionar un libro que recollese as principais formas tipolóxicas da cerámica da Terra Chá e que xa tiña un precedente na anterior publicación do Libro da Cerámica do centro produtor de Samos. Nesta ocasión, non só se quería realizar unha escolma tipolóxica senón que se decidiu recuperar información de toda a cadea operativa, isto é, o proceso de extracción do barro e a elaboración de cerámica, a cocción en fornos e as vías de comercialización das pezas. Para isto, entraron en contacto con investigadores da Universidade de Santiago de Compostela e da empresa Tempos Arqueólogos, que acometeron estudos arqueométricos preliminares (Oscar Lantes, da Unidade de Arqueometría da Área de Infraestruturas de Investigación da USC), etnográficos (José Manuel Varela, do Dpto. de Historia da USC) arqueolóxicos (Pilar Prieto Martínez, do grupo Ecopast da USC; Francisco Alonso Toucido e Mario César Vila, de Tempos Arqueólogos) e de cartografía GIS (Beatriz Guimarei, do SIT da USC). Estes estudos forman parte do libro da cerámica de Bonxe que nestes intres se atopa en proceso de edición.

A inquedanza por divulgar o coñecemento cerámico de Canaveira e o persoal investigador colaborador da Universidade de Santiago de Compostela, co impulso do Master de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade, favorece unha itinerancia desta exposición.