Skip to main content
Pol LUGOXAPol TERRACHÁXA

O Concello de Pol prepara a rehabilitación da reitoral de Suegos

Por 27 Decembro, 2022Decembro 28th, 2022Sin comentarios

O Concello de Pol avanza na posta en valor e rehabilitación da antiga casa reitoral de Suegos, que se converterá nun centro social para a parroquia polense. Ultímanse os detalles para comezar coa transformación deste emblemático edificio que contará cunha axuda de 195.054 euros do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) dentro do Programa de Impulso á Rehabilitación dos Edificios Públicos para Entidades Locais (PIREP Local).

O obxectivo desta obra é por unha parte ofrecer un acceso a servizo culturais e sociais á veciñanza de Suegos e pola outra traballar no mantemento e renovación do parque inmobiliario en concellos rurais ou con moi baixa densidade de poboación, como é o caso de Pol.

A casa de Suegos, ubicada no lugar de Vigo, está en desuso desde os anos 90 e para dar cabida ao equipamento social que serva aos veciños como punto de control, reunión e acceso ás novas tecnoloxías, farase unha actuación integral, que ademais de poñer atención en cuestións de eficiencia enerxética, centrarase na accesibilidade, a conserbación e a habitabilidade da construción.

Estas actuacións beneficiarán directamente aos máis de 1.600 veciños e veciñas que viven neste municipio, que contarán cun novo local social que servirá como punto de encontro e reunión.

As obras consistirán no apuntalamento, consolidación, reforzo e substitución dos elementos estruturais do edificio, xerando no baleiro central un patio exterior pechado. Así mesmo, acondicionarase a envolvente térmica da edificación coa instalación de illamento térmico e renovarase toda a carpintería.

No que se refire ás instalacións térmicas do edificio, implementarase un sistema combinado de xeración fotovoltaica e caldeira de biomasa. Isto, engadido á recuperación da auga da choiva faría posible que durante moitos meses do ano o edificio fose autosuficiente enerxéticamente, sendo necesario o uso da biomasa unicamente nos meses máis fríos de inverno. Por último, na parte traseira do inmoble recuperarase a galería histórica, coa instalación dun invernadoiro que permita a regulación de entrada de luz e ventilación, incorporando, ademais, vexetación como recurso bioclimático. A obra deberá estar rematada en setembro de 2024. Esta obra non implicará unha ampliación do edificio, senón reposicións puntuais en elementos que se atopen deteriorados.

“Con estas actuacións demostramos, unha vez máis, a aposta deste Goberno polo rural e a loita contra o despoboamento, achegando infraestruturas e servizos esenciais”, subliña o alcalde, Lino Rodríguez.

LUMINARIAS

A axuda percibida en Suegos súmase á aportación de máis de 600.000 euros para o cambio de luminarias en todo o termo municipal. Un total de 1.700 lámpadas e 72 cadros eléctricos que modernizaron todo o sistema para adecualo aos tempos actuais e fomentar o aforro enerxético coa implantacion da tecnoloxía LED.

Pol convértese deste xeito no primeiro Concello da provincia en facer este cambio “mediante obras e servizos, o que nos permite aforrar moitos cartos na fase de canon de conservación”, explica Ónega. O aforro está establecido en 50.000 ou 60.000 euros ao ano.