Skip to main content
As Pontes

As Pontes inaugura un servizo de apoio e xestión de axudas

Por 8 Decembro, 2022Sin comentarios

O Concello das Pontes presentou a Oficina de Servizo Integral de Xestión de Axudas e Financiación Pública (SIGAP).

Un servizo, que se pon en marcha coa colaboración de Seara e o respaldo do consultora Impulso, co que se buscar prestar apoio, acompañar e asesorar ao tecido empresarial do municipio, ofrecendo unha ferramenta, completamente gratuíta, que facilitará o acceso aos máis de 77.000 millóns de euros dos Fondos que a Unión Europea dispuxo para España.

Durante a presentación desta oficina, que terá a súa sede física no Centro de Dinamización Empresarial Seara, a concelleira de Industria, Ana Pena incidiu na importancia desta iniciativa “ nun contexto socio económico tan convulso como o actual, onde a inflación, a caída da demanda ou os elevados custos enerxéticos están a poñer en perigo a viabilidade de moitas empresas e, onde as axudas europeas constitúen un salvavidas indispensable para moitas delas. Conscientes destas circunstancias e coa vontade de contribuír ao sostemento e crecemento económico do noso municipio ponse en marcha, desde o Concello das Pontes en colaboración con Seara, a SIGAP”.

“Esperamos e estamos convencidos de que esta oficina vai prestar un servizo que redundará nun maior coñecemento e, en moitos casos, na posibilidade de poñer en marcha novas iniciativas empresariais”, engadiu a concelleira de Industria.

Pola súa banda, Antonio Alonso, tenente alcalde do Concello das Pontes, tamén presente no acto de presentación da SIGAP, sinalou que “estamos nun momento de cambio no que, afortunadamente, hai financiamento para diferentes liñas de traballo pero existe un descoñecemento sobre as axudas europeas. Esta falta de información pode provocar que proxectos queden bloqueados e con esta oficina queremos evitar que isto suceda.”

Ambos  representantes municipais convidaron a todo o tecido empresarial do municipio a facer uso deste servizo, que dunha forma totalmente gratuíta, vai acompañar e asesorar para a obtención de financiamento europeo. As empresas interesadas en facer uso deste novo servizo, que entra en funcionamento hoxe, deberán poñerse en contacto con Seara para concertar unha cita coa oficina SIGAP.