Skip to main content
As PontesAxenda Caducada

As redes sociais, tema deste luns no programa Espazo en Familia das Pontes

Por 19 Decembro, 2022Sin comentarios

O Concello das Pontes continúa este luns, 19 de decembro, coa segunda edición do programa de apoio socioeducativo Espazo en Familia dirixido a todas as familias pontesas con fillos e fillas menores de idade escolarizados nos centros educativos das Pontes.

Este luns, entre as 19.00 e as 20.30 horas, falarase no soto da Casa Dopeso  sobre as redes sociais como unha parte inherente das nosas vidas. Pero sendo conscientes de que poden ser aditivas, e saber como abordalo.

O aumento do uso das redes sociais na última década correspondeuse co enorme aumento da cantidade de tempo que a xente pasa en liña, especialmente os mozos. Na UE, o tempo que pasa a xente nova en liña duplicouse no ano 2020 en comparación con dez anos antes, e sitúase entre dous e tres horas e media ao día.

Isto significa que os mozos viven cada vez máis a súa vida en liña. Conéctanse con amigos ou familiares, buscan información, pero tamén son obxecto de acoso ou de difusión de rumores e xeran opinións sobre a vida dos demais que non están apegadas á realidade.

Nesta charla aprenderase a protexer ás fillas e fillos dos efectos nocivos das redes sociais pero sobre todo aprenderase a usalas, a saber como funciona a información que hai en liña.

ESPAZO EN FAMILIA

O programa Espazo en Familia é unha iniciativa que ten como obxectivo prioritario ofrecer aos pais e nais un lugar para compartir as súas inquedanzas sobre a crianza e educación dos seus fillos e fillas e poder abordarlas con éxito e que, segundo palabras da concelleira de Educación, Tania Pardo “busca que as familias que participen neste programa, coa axuda de profesionais no ámbito da educación social, da terapia familiar e da psicoloxía e educación intantil, aprendan a desenvolver accións de crianza postiva que faciliten e promovan o desenvolvemento dos seus fillos e fillas”.

O programa, no que se establecen diversos grupos de traballo, dirixidos ás familias con fillos e fillas menores escolarizados nas distintas etapas educativas, a través de sesións grupais e individuais e accións de formación, abordará nesta segunda edición temáticas como a conciliación e autocoidado familiar, a xestión dos momentos de crise (divorcios, separacións…) ou a xestións de conflitos e rabietas.

Haberá tamén formación para as familias centrada en aspectos como rol da familia no deporte, a educación para o consumo ou as condutas aditivas relacionadas coas novas tecnoloxías así como charlas sobre afectividade e a sexualidade.

Así mesmo, Espazo en Familia tamén está orientado a mellorar as técnicas de comunicación e negociación, aprender a criar aos fillos e fillas de forma segura fomentando a autoestima e o apego así como aprender a crear unha conexión emocional e influir positivamente nos nenos e nenas.

Todas as familias interesadas en participar neste coloquio sobre Menores e redes sociais poden inscribirse nesta ligazón  no teléfono 622 155 806 ou no correo electrónico espazoenfamilia@gmail.com