Skip to main content
As Pontes

Concello e asociacións empresariais reúnense nas Pontes para falar dos novos proxectos industriais

Por 23 Decembro, 2022Decembro 24th, 2022Sin comentarios

A concelleira de Industria, Ana Pena, acompañada por representantes das asociacións empresariais locais Seara e Cohempo participaron nun encontro informativo con representantes de Ence, Reganosa e EDP Renovables e no que tamén participou telemanticamente o Instituto de Transición Xusta para coñecer a evolución dos proxectos industriais que se promoven na vila.

Ana Pena, ao remate do encontro apuntou que ” tal e como nos trasladaron as propias firmas, os proxectos continúan avanzando a bo ritmo nos seus procedementos administrativos despois de que no mes de xullo, tanto a planta de fabricación de pneumáticos de Sentury como a planta de hidróxeno verde fosen declarados proxectos estratéxicos, de interese comunitario, pola Xunta de Galicia. Ence pola súa parte, continúa cos estudos previos á presentación do proxecto definitivo da bioplanta para a produción de fibras recuperadas e biomateriais que proxectan no antigo parque de carbóns de Saa”.

A concelleira resaltou a relevancia destes proxectos como proxectos tractores, que se evidencia coa recente adxudicación provisional dos 24 millóns de euros do PERTE de enerxías renovables á planta de hidróxeno verde, xestionado polo Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico. “Un apoio institucional que estamos seguros se verá ampliado en próximas convocatorias, tendo en conta a capacidade xeradora de emprego destas iniciativas empresariais e a recente publicación das primeiras liñas de actuación dos 111 millóns de euros destinados á provincia da Coruña; que veñen a reforzar os 50 millóns de euros que, desde o Instituto de Transición Xusta, a través da convocatoria publicada a semana pasada, destina á creación e mantemento de pequenos e grandes proxectos nos territorios afectados polo peche ou previsión de peche de centrais térmicas”.