Skip to main content
Vilalba

Este mércores volve a Feira do Capón a Vilalba

Por 20 Decembro, 2022Sin comentarios

Elba Veleiro anima aos veciños da vila e de toda Galicia a acudir a este evento de “gran repercusión nacional e internacional”.

O Concello de Vilalba acollerá este mércores 21 de decembro na praza da Constitución unha nova edición da Feira do Capón.

Elba Veleiro anima aos veciños da vila e de toda Galicia a acudir a este evento de “gran repercusión nacional e internacional”, que xa o ano pasado recuperou o seu esplendor tras o parón pola pandemia. “É o pistoletazo de saída para o noso Nadal e queremos compartilo con toda a veciñanza”, apuntou.

O evento arrancará o 21 de decembro ás 10:00 horas coa apertura ao público da feira, onde o capón estará arroupado, como nos últimos anos, “por exquisitos produtos do noso concello e arredores: desde queixo de San Simón ou o roscón de Vilalba ata carnes, mermeladas, mel ou as filloas de Muimenta”, explicou Antía Rama.

As 11.30 horas chegará o momento máis importante da feira, coa entrega de premios ás criadoras e criadores e o sorteo do mellor par de capóns seleccionados polo xurado. Os asistentes que queiran levarse a casa gratis uns dos mellores capóns da feira soamente terán que deixar o seu nome na caseta da organización.

Trala entrega de premios, de 12.30 a 14 horas, na foodtruck que haberá na praza repartiranse 300 tapas de capón para que todo o mundo probe e disfrute deste manxar. Haberá tres elaboracións diferentes, feitas con capón e capón da raza por Antonio Díaz, cociñeiro da AUTGA Autóctonas especializado en produtos locales e autóctonos.

A Deputación colabora na difusión da Feira do Capón de Vilalba cun documental sobre o seu proceso de crianza

A Deputación de Lugo colabora con esta cita na difusión a través da elaboración dun documental, elaborado polo Servizo de Audiovisuais da institución provincial, sobre o proceso de crianza deste produto.  O promocional proxectouse no acto de presentación.

“Falar de capón é falar da nosa cultura, das nosas raíces, pero tamén da nosa capacidade para apostar por un sector primario que aporta produtos de primeira calidade para o mercado e para a gastronomía”, destacou a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto.

Asegurou que a Deputación de Lugo está sempre do lado “do sector primario, das persoas que traballan para manter vivo e impulsar o noso rural, e por iso, como non podía ser doutra maneira, colaboramos con esta cita, e coa súa difusión”.  Nese sentido, destacou que o documental é unha boa mostra dese compromiso,  “un traballo que recolle o longo e laborioso proceso de crianza, 100% artesanal, que durante 8 meses, levan a cabo os produtores chairegos para obter un produto de máxima calidade”.

“Tamén quero destacar a implicación e esforzo  de cada un dos medio cento de criadores se encargan da crianza artesanal deste manxar”, afirmou. García Porto celebrou unha nova edición desta cita que atrae a un gran público a Vilalba e á Terra Chá durante unha xornada e que consigue impulsar o turismo e a hostalería.