Skip to main content
Xermade

Suspendida a actuación do monologuista Lois Pérez na Invernada de Cine

Por 1 Decembro, 2022Sin comentarios

A organización da Invernada de Cine, a cargo da asociación de veciños de Cabreiros, que este ano chega á súa décima edición con proxeccións durante os meses de novembro e decembro, anunciou o aprazamento da actuación do monologuista Lois Pérez prevista para este sábado 3 de decembro.

Segundo indican este cambio de data prodúcese por causas alleas á organización e en canto se poda escollerase unha nova data.

O programa conta este ano con cinco actividades, das que xa se celebraron dúas, A mestra da EscolaA Virxe Roxa.

Contaba morrer, do monologuista e contacontos Lois Pérez, era a terceira actividade prevista. Esta peza sintetiza moi ben a relación dos galegos e as galegas coa morte, e pon de manifesto certa retranca. Todo o mundo conta morrer, pero non sempre se lle pon nome.

O espectáculo reflicte o optimismo tráxico que nos caracteriza aos galegos e as galegas. Haberá unha parte de narración oral, que será o groso da proposta, na que confluirán distintas historias, e na parte final, poesía…

RESTO DE PROGRAMACIÓN

O 17 de decembro toca sesión infantil con Teatro Infantil Ghazafhellos e a peza Iriña Bailarina. Un pirata, un xogador de futbolín, unha bailarina de caixiña de música e un único desexo; xogar sen límites para medrar sen “medidas”.

Ghazafelhos propón reflexionar sobre a igualdade de xénero, o cambio de roles ou os estereotipos sociais . Iriña bailarina esculca na ruptura de roles convencionais a través dunha bailarina que vive nunha caixa de música e que devece por poder saír do espazo que a anoa a dar voltas sen cesar para poder xogar ao futbolín.

Rematará a invernada o día 30, ás 19.30 horas con outro espectáculo infantil, neste caso Peter Punk-Punkdemia.
Peter Punk convértese no doutor Punkdemia, con un espectáculo viral no que ofrece a súa particular visión da Pandemia.

Punkdemia céntrase en novas rutinas, descubriremos como se viste un paiaso para protexerse da covid-19, uso de mascarillas, vacinas e o equilibrio necesario para facer fronte á desescalada.