Skip to main content
FozMar AMARIÑAXA

A Ribeira de Foz denuncia os problemas dos pantaláns nº 1 e nº 2 do Porto Chico

Por 30 Xaneiro, 2023Febreiro 1st, 2023Sin comentarios

A Asociación A Ribeira de Foz vén de denunciar os problemas do Porto Chico de Foz, en concreto do estado no que se atopan os pantaláns nº 1 e nº 2. “Queremos informar do mal estado das táboas que conforman a escaleira, pasarela e finguers dos propios pantaláns, e tamén advertímoslles do altamente perigoso que é transitar por riba dos mesmos para os usuarios das embarcacións que alí atracan”, di o presidente do colectivo focego, Alberto Burundarena, que engade que “isto é debido a que a maior parte das táboas están podrecidas e teñen numerosos buratos de diversos tamaños, co claro risco de que podan romper en calquera momento co simple tránsito dos usuarios e que os mesmos podan sufrir algún percance físico”.

“Están sen anclar varios cables eléctricos que conforman a rede de enerxía dos propios pantaláns”, di Burundarena, “o que supón un risco”. Ditos cables están soltos nalgunhas zonas e totalmente somerxidos na auga do mar en outras, incluso chegando a estar soterrados no fango, polo que “é posible a rotura dos mesmos co risco que supón para os usuarios o feito de ter os cables eléctricos sumerxidos baixo a agua do mar”.

Tamén queren amosar a súa inquedanza polo estado actual dos pilotes de suxeción dos dous pantaláns, e informar de que os mesmos se ven claramente deteriorados con buratos nos tubos de aceiro que os conforman. Ademais, hai varios pilotes nos que “claramente se pode apreciar que perderon a sua nivelación, e tamén as anillas
deslizantes que fan de unión entre pantaláns e pilotes están en moitos puntos rotas”.

Así mesmo e segundo as fotografías facilitadas, na estrutura dos pantaláns pódense apreciar varios flotadores que están rotos e anegados facendo inestable varios tramos de ambos pantaláns.

A Ribeira de Foz, pide a Portos de Galicia que arranxe os desperfectos o antes posible, e que sinalice de forma clara e visual cada desperfecto, táboa rota ou podrecida que poda supoñer un risco para a seguridade dos usuarios.