Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

A Mariña Lucense comezou a súa presentación na 43 edición de Fitur

Por 19 Xaneiro, 2023Sin comentarios

A Mariña Lucense volve estar presente en Fitur do 18 ao 22 de xaneiro da man de Turismo de Galicia presentando a nova campaña turística: Descubre A Mariña Lucense. Vive o norte de Galicia ante autoridades, turoperadores, prensa especializada e profesionais do sector.

O vídeo principal desta nova estratexia de comunicación formará parte do acto de presentación da Mariña Lucense que terá lugar mañá, 19 de xaneiro, ás 17:30 horas no stand de Turismo de Galicia. No evento intervirá a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, en nome da Mancomunidade. Estará acompañada por representantes da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo. Fran Cajoto non estará en Fitur 2023 por cuestións relacionadas coa súa axenda municipal como alcalde de Foz. 

O vídeo promocional marcará o inicio dunha campaña deseñada tras o éxito de Volve a encontrar o Norte. Visita A Mariña Lucense coa que se viña promocionando o destino nos últimos dous anos. Será executada durante os próximos meses a través de diversos medios convencionais e dixitais e ten por obxectivo incrementar o recoñecemento e notoriedade do destino ao tempo que se reforza o posicionamento da Mariña na mente do cidadán, principalmente a nivel nacional.

A Mancomunidade está presente en FITUR desde o 18 de xaneiro mantendo contacto e xuntanzas de traballo con profesionais do sector, prestadores de servizos, outros destinos turísticos, e con turoperadores e axencias minoristas, co obxectivo de presentarlles a variedade e calidade de recursos, produtos e servizos turísticos do xeodestino.

As persoas que acudan a Fitur 2023 poderán atopar información turística sobre A Mariña Lucense, ocasión para a que a Mancomunidade editou unha edición especial da guía A Mariña Lucense ao descuberto. 

PEIXE DE BURELA

A Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Burela e Armadores de Burela colaboran esta semana en Madrid en numerosos eventos gastronómicos, turísticos e pesqueiros, onde o “Peixe de Burela” será o protagonista para contribuír a promover o “turismo de experiencias de Ribadeo”, a variada “oferta gastronómica da provincia de Lugo”, a vindeira edición da “feira náutico-pesqueira Expomar” ou a importancia da “Feira do Bonito” entre as Festas Gastronómicas de Interese Turístico Nacional.

A Casa de Galicia de Madrid tamén acollerá este xoves a presentación oficial da próxima Feira Expomar, que se celebrará na nave de redes do porto de Burela do 10 ao 13 de maio. Ao remate desta presentación, á que asistirán diferentes personalidades do sector pesqueiro e político galego e nacional, terá lugar unha degustación gastronómica de “Peixe de Burela” patrocinada pola Consellería do Mar da Xunta de Galicia en colaboración con Armadores de Burela e a OPP-7 Porto de Burela. Na mesa serán de novo os protagonistas o bonito do norte e a pescada do pincho, xunto coa cabala e o peixe espada, que representan ás principais frotas do porto de Burela.

E para rematar esta quenda de promoción gastronómica, o stand do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación acollerá o sábado ás 13.00 horas unha degustación especial de Merluza D& Burela no marco do evento “A que sabe o teu Destino? Sabe a Merluza”. A presentación está organizada pola Federación Nacional de Confrarías de Pescadores dentro da súa promoción dos Peixes e Mariscos de España.